O PSdeG-PSOE alerta de que a falta de control municipal en 2025 comprometeu a seguridade sanitaria e obrigou a gastos extraordinarios
O PSdeG-PSOE de Catoira manifesta a súa profunda preocupación pola xestión municipal realizada durante o ano 2025, un período no que o Concello tivo que asumir máis de 8.200 euros en sancións derivadas de neglixencias administrativas que afectaron directamente a servizos esenciais e que, segundo a documentación oficial, chegaron a comprometer a seguridade sanitaria da veciñanza.
As multas impostas por Augas de Galicia e pola Consellería de Sanidade —por desatender requirimentos en materia de vertidos e por non realizar as analíticas obrigatorias da auga potable— evidencian unha falta de control e supervisión que non pode ser considerada un feito illado, senón a consecuencia dun modo de gobernar que renuncia ao mantemento básico dos servizos públicos.Para o grupo socialista, esta ausencia absoluta de supervisión non pode considerarse un simple esquecemento: é unha mostra evidente dunha deixadez prolongada e dunha falta de responsabilidade institucional que comprometeu directamente a seguridade da poboación.
A esta situación súmase un feito especialmente grave: desde a chegada de Xoán Castaño á Alcaldía non se analizaron as máis de 40 fontes públicas do municipio, polo que a calidade da auga que utiliza a cidadanía non está contrastada desde hai tres anos. A ausencia de controis nun servizo tan sensible resulta incompatible coa responsabilidade institucional que se lle presume a calquera goberno local.
Paralelamente, o Concello viuse obrigado a investir 130.000 euros na posta ao día da Estación Depuradora de Augas Residuais, tras recibir requirimentos de Augas de Galicia advertindo de que as instalacións non estaban en condicións e que, de non acometerse as melloras, o municipio podería perder subvencións doutras administracións. Un gasto extraordinario que non responde a unha planificación estratéxica, senón á necesidade de corrixir a deixadez dos últimos anos. Para o PSdeG-PSOE, este gasto extraordinario é a consecuencia directa dunha xestión que non atende, non prevé e non mantén os servizos esenciais.
Neste contexto, o PSdeG-PSOE considera especialmente desacertada a recente comunicación do alcalde, na que anunciaba a instalación de seis bombas somerxibles e apelaba á responsabilidade da veciñanza para evitar avarías no sistema de saneamento. A realidade documentada demostra que non existe un plan ordenado de mellora, senón unha sucesión de actuacións forzadas polas sancións, polos requirimentos doutras administracións e pola falta de mantemento previo.
O grupo socialista lembra que a primeira obriga dun goberno municipal é garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos, e que non se pode trasladar á cidadanía a responsabilidade de problemas que teñen a súa orixe nunha xestión deficiente e descoidada.

