Caxoto presenta este mércores na Biblioteca Municipal  “Levántate Xan!!!”

Redacción

É un contacontos dirixido a nenos e nenas de 1 a 3 anos

Dentro da programación de actividades de “Tui en letras” este mércores, 27 de maio, ás 17.30 horas a Biblioteca Municipal de Tui acolle un contacontos para bebés a cargo de Caxoto que presenta o seu espectáculo “Levántate Xan!!!”. Esta sesión está dirixida a cativos de 1 a 3 anos de idade, acompañados dunha persoa adulta.

Será unha función chea de animais, pequenas historias e cantigas para recrear o día a día na granxa de Xan. Caxoto resume a función deste xeito “É noite nesta granxa de Xan. Soa un espertador. Como todas as mañás o galo érguese antes de que saia o sol, sube ao alto do tellado e disponse a cantar dándolle permiso ao Sol para que apareza detrás das montañas. Pero ese día algo sae mal. O galo non ten forzas para cantar; e se o galo non canta todo o mundo sabe que o sol non se levanta… Non será que Xan se esqueceu de darlle a cea aos animais antes de ir para a cama a noite anterior?·.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, sinala que este contacontos de Caxoto pretende crear unha sesión multidisciplinar na que, a través da palabra, da música en directo, do xogo e da complicidade das familias levamos ás crianzas a unha aprendizaxe do mundo animal, da lingua e dos sons. Esta sesión está cargo dun dos máis prestixiosos narradores do panorama galego con máis de vinte anos de traxectoria percorrendo varias veces toda a xeografía galega con espectáculos de narración oral para público infantil, adolescente e adulto. O seu contar é sinxelo, directo, retranqueiro e cheo de emoción. O seu amplo repertorio toca todos os paus da narración oral: conto tradicional, contemporáneo, contos de creación propia, historias de vida, …

A programación de “Tui en Letras” que promove o Concello de Tui entre os meses de maio e xuño, conta cunha axuda da Deputación Provincial de Pontevedra.

Comparte este artigo