A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro Antonio Cabaleiro, participaron na recepción dos alumnos franceses de intercambio que convivirán co alumnado do IES Chapela. Son sete rapaces e rapazas do Lycée de Montauban, da zona da Bretaña, que convivirán coas familias dos alumnos e alumnas do IES Chapela que xa pasaron a súa estancia en Francia. Rivas e Cabaleiro participaron nun encontro cos estudantes acompañados do director do centro, Antonio Bas, o vicedirector Francisco Javier Silvela, a profesora de lingua francesa, Ángeles Alemparte, e a Xefa de Estudos, Fátima Ferreiro, no que conversaron sobre esta experiencia.
O alumnado do IES Chapela valorou dun xeito moi positivo a súa estadía en Francia nunha rexión “moi verde, con bastantes semellanzas con Galicia” e destacaron “a gran aprendizaxe” que supón este intercambio no se que se aloxan coas propias familias “porque se aprende moito sobre o idioma, pero tamén da cultura da zona”. Ademais puideron realizar interesantes visitas como unha ruta ata o Mont-Saint-Michel. Para a rapazada francesa esta será tamén unha gran oportunidade para coñecer non só o idioma, senón tamén a tradición e costumes desta terra e a paisaxe e gastronomía das Rías Baixas. Unha excursión ás illas Cíes e unha roteiro por un tramo do Camiño de Santiago serán algunhas das experiencias que poderán vivir estes días.
A alcaldesa eloxiou a súa “valentía” á hora de enfrontarse a un reto como o de saír ao estranxeiro, e animounos a aproveitar ao máximo este intercambio “co que non só melloran as súas competencias no idioma, senón que tamén lles servirá como unha experiencia a nivel de autonomía e para seguir formándose” . Rivas puxo tamén en valor “o gran traballo da directiva e profesorado do IES Chapela, que sempre se implica para ofrecer ao seu alumnado a mellor formación posible, e este programa de intercambio é un exemplo”.