Este mércores arrancaban as diferentes actividades e campus de conciliación que oferta este verán o Concello de Salvaterra de Miño.
Por un lado, o Campus de Conciliación con preto de 200 nenos e nenas desde os 4 ata os 12 anos, e que terá lugar nos meses de xullo e agosto entre as 09:00 e as 14:00 horas no C.E.I.P Plurilingüe Infante Felipe de Borbón. Durante o verán os nenos e nenas desfrutarán de actividades ó aire libre, manualidades, cociña, saídas, xogos de auga, día da roda, de hinchables e moito máis.
Ademais este ano levamos a cabo por segundo ano o Campus de Conciliación temático a través do Plan Corresponsables “Acompañámoste”, en 4 quincenas diferentes: Semana da ciencia, Coñecendo a contorna, Aprendemos no verán e Multideporte. Esta primeira quincena xa arrancou con 30 nen@s de 10 a 16 anos na Casa Cultura de Salvaterra.
E como non pode faltar no verán, o xa habitual Campamento de Natación na piscina municipal durante os meses de xullo e agosto, que conta coa inscrición de 100 nen@s en xullo e 100 para agosto.
Verán completo que xunto as actividades propias do Verán Cultural, fan de Salvaterra un lugar atractivo e con moita oferta cultural e deportiva para todas as idades.

