– O Concello apoia a petición do sector marisqueiro, que demanda á Xunta de Galicia penas máis contundentes contra os furtivos para evitar a súa presenza nas praias. Tamén solicitan máis inspeccións da Consellería de Sanidade nos locais de hostalaría, para evitar que se comercialice marisco extraído de xeito ilegal.
– O ano pasado rexistráronse máis de cen denuncias por casos de furtivismo nos bancos marisqueiros de Redondela, entre os que se deron casos de grupos organizados. Isto supón un grave prexuízo para a Confraría, xa que esquilman o produto, e tamén un risco para a seguridade alimentaria, xa o bivalvo non pasa ningún control sanitario.
O Concello de Redondela acolleu unha reunión na que participaron a alcaldesa, Digna Rivas, e os concelleiros Rita Pérez e Alberto Álvarez, das áreas de Interior e Medio Ambiente, xunto con representantes da Confraría, a Agrupación de Mariscadoras, e as forzas e corpos de Seguridade. O obxectivo da reunión era analizar o problema de furtivismo que afecta aos bancos marisqueiros de Redondela e que supón un grave prexuízo para os traballadores e traballadoras do mar.
Intensificar as sancións e os controis sanitarios
Segundo os datos da policía ao longo do pasado ano 2024 rexistráronse máis dun cento de denuncias, nas que foron identificadas as persoas responsables deste delitos. Analizados os casos detectados tanto en Redondela como noutros puntos da comunidade, as forzas e corpos de seguridade advirten da presenza de bandas organizadas que se dedican ao furtivismo. Trátase de grupos que operan en distintos bancos marisqueiros galegos e que, segundo a policía, non subtrae o marisco para autoconsumo. Non se trata de furtivismo a pequena escala, xa extraen grandes cantidades de bivalvo para a comercialización. Outra das conclusións á que se chegou na xuntanza é a necesidade de endurecer as sancións. O Concello apoia a petición do sector marisqueiro, que demanda á Xunta de Galicia penas máis contundentes contra os furtivos. Advirten que, malia ser atrapados, os infractores reinciden xa que aínda que acumulen sancións “compénsalles”, lamentan desde a Confraría.
Entre as conclusións que se tiraron da xuntanza está a necesidade de incrementar as inspeccións que a Consellería de Sanidade realiza nos establecementos de hostalaría. Estes controis deben servir, entre outras cousas, para evitar que se comercialice marisco extraído de xeito ilegal. O furtivismo non supón só un problema para o sector, porque esquilman os bancos marisqueiros, senón tamén un grave risco para a seguridade alimentaria, xa este bivalvo non pasa ningún control sanitario. A alcaldesa amosou o seu apoio total aos sector e avanzou que o Concello instará á Xunta, que ten as competencias no sector, a defender os intereses dos traballadores e traballadoras do mar.
Os participantes na xuntanza emprazáronse para un novo encontro antes do verán ao que o Concello convidará a responsables inspección de Sanidade da Xunta e Seprona.
Por outra banda existe tamén o coñecido como “furtivismo de bañador”, que está moi estendido durante os meses de verán nas praias, especialmente en Arealonga, Chapela. Turistas e residentes aproveitan o tempo de lecer no areal para extraer ameixa e berberecho. Neste caso o volume de marisco que subtraen é menor que o dos furtivos “profesionais”, pero ao ser moitas as persoas que cometen estas infraccións, ao longo do verán “son moitos os quilos que esquilman nas praias”.