Concello de Nigrán e Fundación Carlos Casares celebran este sábado no Auditorio Municipal a “IV Gala no Camiño das Artes”

Redacción
Lectura mínima de 4

Previamente, a familia do escritor e o alcalde descubrirán o segundo chanzo da escaleira da Praza da Biblioteca adicada a autores ilustres vinculados co municipio

Na gala serán entregados os premios do III Certame de Relato Curto para escolares de Nigrán. Actuará a banda infantil e xuvenil da Agrupción Musical de Vincios, o Coro Covacanta e a Escola de Baile L’Danzia.

O Concello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares celebran un ano máis este sábado a partir das 18:00 horas no Auditorio Municipal a gala de entrega de premios do concurso escolar de relato curto nomeada ‘No camiño das artes’ (a entrada é de balde ata completar aforo). O obxectivo é homenaxear, potenciar e dar a coñecer a figura e a obra de Carlos Casares entre a mocidade de Nigrán a través deste certame literario cuxo prazo de presentación de propostas rematou o 29 de marzo. Neste acto, tendo en conta que está dirixido á infancia, actuarán as Bandas Infantil e Xuvenil da Agrupación Musical de Vincios, dirixidas por María García Bustos, o Coro Covacanta da ANPA Cova Terreña, dirixido por Nuria Zúñiga Fernández, e a Escola de Baile L´Danzia, dirixida por Lorena Benítez Pereira.

          Previamente, aproveitando este día, o alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado da familia do escritor e membros da Fundación Carlos Casares, descubrirán na Praza da Biblioteca o segundo chanzo da escaleira adicada a autores ilustres vinculados coa comarca (a iniciativa estreouse en xuño na honra de Alfonso Álvarez Cáccamo co seu verso ‘Onde flúen as distancias do primeiro río’ ). Este novo paso terá gravado no granito unha frase do autor elixida desde a Fundación Carlos Casares e que se fará pública ese día.

          O cuarto concurso de relatos, coma sempre, estivo dirixido a alumnado de Primaria matriculado nalgún dos colexios de Nigrán coa única condición de ambientar a historia no municipio e que os protagonistas fosen un neno (Lolo) e a súa bicicleta, por iso o título desta cuarta edición é ‘Lolo en bicicleta, por Nigrán fai volteretas’, en referencia ao libro que publicou en 1996. Os 5 primeiros clasificados recibirán cadanseu lote de libros e haberá diplomas para todos os participantes.

          “Carlos Casares está ligado para sempre a Nigrán e queremos que a nosa mocidade así o sinta para sempre, por iso nos parece moi acertado promover a lectura da súa obra e animar a que escriban as súas propias historias partindo das del”, sinala González, alcalde de Nigrán

          A Fundación Carlos Casares resalta “a importancia deste concurso e a  súa Gala de entrega para que no futuro, cando estas crianzas sexan adultos e maiores, manteñan no corazón un recordo entrañable do escritor ourensán que veu coa súa familia para Nigrán, e un día escribiu: Nigrán, o lugar onde me gusta vivir.”

Comparte este artigo