Concello do Porriño dedicará cada 14 de maio ao mestre Antonio I. Paz Valverde

Redacción

O Centro Cultural acollerá unha exposición permanente sobre o compositor

Nunha praza ateigada de xente, este xoves destapouse o gravado en bronce que dá nome á nova praza Antonio Ignacio Paz Valverde. Un espazo no corazón do municipio, na nova humanización de Pío XII, que se atopa fronte á casa do aclamado compositor.

Alí, xunto ao piano no que compuxo a maioría das súas case 180 obras, un dos pianistas máis destacados de Galicia, Alejo Amoedo, tocou varias das súas pezas, acompañado de Dolores Crespo, soprano e destacada figura da lírica galega, e de Rita Baladrón, unha das mellores voces que saíron do municipio do Porriño e parte daquela coral que fundara Paz Valverde.

Foi unha emotiva homenaxe, na que participou tamén a Banda de Música do Porriño e, claro, a familia do compositor. A súa neta, Águeda, agradeceu que o seu legado puidera ser visible no municipio, mentres o alcalde, Alejandro Lorenzo, foi máis alá e anunciou que cada 14 de maio, data de nacemento do compositor, se lembrará no Porriño ao mestre. Ademais, engadiu que a exposición que durante a homenaxe presidiu a praza, na que figura gran parte da vida e da obra de Paz Valverde, será trasladada como exposición ao Centro Cultural, onde os músicos máis mozos poderán coñecer de preto a un gran referente que revitalizou a música galega nas décadas dos 60, 70 e 80.

Antonio foi un referente no Porriño, fundador da Coral Polifónica do CRC e, máis tarde, do Orfeón Porriñés, tamén do Coro Infantil. Pero a súa pegada viaxou moito máis alá desta vila. Autor de case 180 obras, entre composicións e arranxos, destacando a súa extensa produción relixiosa e tamén esas pezas nas que musicaba a grandes poetas do século XX, modernizando tamén a música polifónica do país. Poetas como Cunqueiro, Manuel María ou Celso Emilio Ferreiro, con quen mantiña correspondencia. Música que seguiu sendo e aínda hoxe é interpretada por grandes artistas como Carlos Núñez ou María do Ceo.

Música que se escoitou nunha homenaxe sentida e aplaudida no Porriño.

Comparte este artigo