Convocada a segunda edición dos Premios “Menina Sarmiento” para recoñecer o talento, o compromiso e a excelencia local

Redacción

A Xunta de Goberno Local aprobou este martes as bases da convocatoria 2026, que contempla nove categorías de galardóns.

A iniciativa municipal dará continuidade á edición de 2025 e culminará coa gran gala de entrega o vindeiro 26 de setembro no Auditorio Reveriano Soutullo.

O Concello de Ponteareas pon en marcha de xeito oficial os preparativos para os seus máximos galardóns anuais. A Xunta de Goberno Local aprobou este martes, 18 de agosto, as bases reguladoras da convocatoria 2026 dos “Premios Menina Sarmiento – Ponteareáns/as Distinguidos/as do Ano”. Esta iniciativa municipal celebra a súa segunda edición co obxectivo de recoñecer e poñer en valor o talento, o compromiso, a solidariedade e a excelencia das persoas, entidades e colectivos vinculados ao municipio, consolidando o marco estable de recoñecemento público que botou a andar en 2025.

O procedemento culminará coa gran Gala dos Premios Menina Sarmiento 2026, programada para o vindeiro 26 de setembro no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo. Nese acto, Ponteareas volverá render homenaxe pública aos distinguidos, quen recibirán un diploma acreditativo e unha peza conmemorativa polo seu labor en favor do progreso local. Cómpre lembrar que a denominación destes galardóns rende homenaxe a María Agustina Sarmiento de Sotomayor, figura vinculada historicamente a Ponteareas e inmortalizada por Diego Velázquez no cadro Las Meninas, converténdose así nun símbolo do patrimonio histórico e cultural da vila.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou o fondo significado social e identitario da convocatoria: “Con estes premios queremos que Ponteareas recoñeza ás persoas, entidades e colectivos que contribúen cada día a facer un concello mellor e que, co seu traballo e compromiso, son tamén os nosos mellores embaixadores”.

A rexedora subliñou o interese do goberno local en abranguer todo tipo de perfís comunitarios. “Queremos poñer nomes e rostros ao talento que existe no noso concello, agradecer traxectorias de toda unha vida, pero tamén descubrir novas promesas e iniciativas que están contribuíndo ao progreso de Ponteareas. Os Premios Menina Sarmiento son, sobre todo, unha celebración do orgullo de ser ponteareán”, sinalou Castro. Do mesmo xeito, concluíu amosando o desexo de futuro para esta iniciativa: “Ponteareas ten moito talento, moitas historias de esforzo e moitas persoas das que sentirnos orgullosos. Queremos que estes premios se consoliden como a gran cita anual na que todo o concello lles diga grazas”.

Bases do concurso

As bases aprobadas polo Concello rexen minuciosamente todo o procedemento de presentación, selección e baremación dos premios de acordo coas seguintes directrices. Establécense nove categorías específicas para recoller a diversidade do talento local: Cultura; Educación, Ciencias e Investigación; Empresa e Innovación; Compromiso Social; Inclusión; Deportes; Nova Promesa (para menores de 25 anos); Embaixada de Ponteareas; e Emigración/Aveciñamento. Concederase un máximo dun premio por categoría.

As candidaturas deben manter unha vinculación directa co concello, xa sexa polo desenvolvemento da súa actividade en Ponteareas, pola participación de persoas ou entidades locais, ou ben polo impacto positivo e relevante que xeren na comunidade. Establécense dúas modalidades para postular candidatos: a modalidade institucional, a través de propostas da Alcaldía, concellerías ou entidades inscritas no rexistro oficial de asociacións; e a modalidade popular, que permite á cidadanía impulsar propostas reunindo un mínimo de 2.350 sinaturas ou cubrindo o formulario dixital habilitado polo Concello.

O prazo de presentación será de cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO). A Xunta de Goberno acordou a publicación íntegra das bases e a constitución inmediata da Comisión Técnica encargada da instrución.

A citada Comisión Técnica municipal comprobará e admitirá as candidaturas, que logo serán avaliadas por un xurado de entre sete e dez membros (composto por representantes municipais e persoeiros de prestixio da universidade, cultura, empresa, tecido social ou deporte).  As categorías poderán declararse desertas se ningunha proposta chega a un mínimo de 50 puntos ou non hai méritos suficientes.

Comparte este artigo