O Concello de Baiona, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Loita contra o Cancro, que se celebra o 4 de febreiro, organizou unha xornada de concienciación, prevención e apoio aos enfermos de cancro.
A xornada comezou ás 10:00h no Pavillón Municipal de Deportes coa lectura dun manifesto por parte da Concelleira de Política Social, Ana Iglesias Rodríguez, e a continuación organizouse unha marcha nórdica cun roteiro con charla a cargo do historiador, cronista oficial da Villa, Anxo Rodríguez Lemos.
En trono a corenta veciños e veciñas do municipio participaron nesta actividade que forma parte do proxecto “Deporturismo Social”: Trátase dun proxecto creado de forma transversal por varias concellerías co obxectivo de ofrecer á cidadanía maior información sobre distintas enfermidades que afectan de forma importante á nosa sociedade a través do lecer e o deporte.
Ademais durante as xornadas deportivas desta fin de semana os clubs deportivos baioneses lucirán un lazo verde sumándose á campaña da Asociación Española contra o Cancro e haberá unha mesa informativa na tarde do domingo no Pavillón Municipal de Deportes.

