Covelo acollerá a presentación de «La fuerza de un alma rota», o libro de Judit Baltasar Rodríguez sobre a súa experiencia como vítima da violencia de xénero

Redacción

A veciña de Covelo compartirá a súa historia persoal este venres 25 de setembro, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal, nun encontro conducido pola xornalista Amparo Rodríguez Ojea.

O Auditorio Municipal de Covelo acollerá este venres 25 de setembro, ás 19:30 horas, a presentación de La fuerza de un alma rota, o libro de Judit Baltasar Rodríguez, veciña do municipio, no que comparte a súa experiencia persoal como muller vítima da violencia de xénero.

A actividade permitirá achegar ao público unha realidade que continúa a afectar a moitas mulleres, favorecendo a sensibilización, a comprensión e o diálogo arredor da violencia de xénero. A través do seu testemuño, Judit Baltasar Rodríguez contribuirá a dar visibilidade a unha problemática social que require atención, compromiso e implicación de toda a sociedade.

Ao remate da presentación, as persoas asistentes terán a oportunidade de adquirir exemplares do libro e solicitar a sinatura da autora na sala multiusos, situada ao carón do auditorio.

A iniciativa contará coa colaboración do Concello de Covelo, que aposta por apoiar e dar visibilidade ás iniciativas, proxectos e experiencias impulsadas polos veciños e veciñas do municipio, favorecendo espazos de encontro, participación e intercambio que contribúan a enriquecer a vida cultural e social da comunidade.

 

A presentación de La fuerza de un alma rota será unha oportunidade para acompañar a unha autora veciña de Covelo na difusión da súa historia e para achegar á cidadanía unha conversa necesaria sobre a violencia de xénero e a importancia de seguir traballando pola igualdade.

Comparte este artigo