Covelo convida a descubrir “Raíces de Mar”, o primeiro traballo discográfico da cantautora Roxana Mouriño

Redacción

O Concello de Covelo continúa coa súa programación cultural de verán convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a asistir ao concerto da cantautora Roxana Mouriño, que presentará o seu primeiro traballo discográfico, “Raíces de Mar”, o vindeiro domingo 19 de xullo, ás 18:30 horas, na Casa Cultural de Paraños, con entrada libre.

A actuación terá un significado moi especial para a artista, xa que marcará o inicio da súa xira por Galicia precisamente en Paraños, a parroquia natal da súa familia e un lugar ao que a unen algúns dos recordos máis importantes da súa infancia e adolescencia. A propia Roxana define este concerto como un regreso ás súas raíces, á súa xente e á paisaxe que inspirou boa parte das súas composicións.

O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, destacou que “é unha satisfacción que unha artista con vencellos tan estreitos co noso municipio escolla Covelo para iniciar esta nova etapa da súa carreira musical. Convidamos á veciñanza e ás persoas que nos visitan a acompañala nun concerto que será, sen dúbida, moi emotivo e de gran calidade artística”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lourdes Enes, sinalou que “apostar polo talento das persoas vinculadas ao noso concello é unha das prioridades da nosa programación cultural. Roxana Mouriño representa unha nova xeración de creadoras que levan o nome de Covelo e das súas raíces alá onde van, e estamos orgullosos de poder acoller o comezo desta xira nun espazo tan especial como a Casa Cultural de Paraños”.

“Raíces de Mar” é un proxecto innovador que vai máis alá dun disco convencional. A artista presenta un libro-disco que fusiona literatura e música, reunindo as letras das súas cancións acompañadas de códigos QR que permiten acceder ás composicións a través das distintas plataformas dixitais. Un formato pensado para conservar o valor do soporte físico sen renunciar ás novas formas de escoitar música.

A obra inclúe composicións en cinco idiomas, galego, castelán, catalán, italiano e inglés, linguas que forman parte da traxectoria vital e artística da autora e que reflicten diferentes etapas da súa vida e da súa forma de expresar emocións.

A través deste traballo, Roxana Mouriño convida o público a realizar unha viaxe pola música, a poesía e as emocións, reivindicando tamén a importancia da cultura, da creatividade e dos espazos de encontro nunha sociedade cada vez máis dixitalizada.

Este concerto está organizado polo Concello de Covelo e financiado pola Deputación de Pontevedra, dentro da programación cultural de verán que busca achegar propostas de calidade aos distintos núcleos do municipio e promover o talento artístico da contorna.

Desde o Concello de Covelo anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a asistir a esta actuación e acompañar a Roxana Mouriño nun día especialmente importante para ela, no que compartirá por primeira vez en Galicia un proxecto nacido da emoción, da sensibilidade e do profundo vínculo coa terra das súas raíces. Unha oportunidade única para gozar da música en directo e apoiar o talento dunha artista que escolleu comezar este novo camiño na casa.

Comparte este artigo