O Concello organiza catro propostas entre o xoves 24 e o domingo 27 de setembro, con actividades no Auditorio Municipal e diferentes espazos naturais e patrimoniais do municipio.
O Concello de Covelo mantén a súa programación cultural e turística durante os últimos días de setembro cunha axenda que combina actividades no interior e propostas ao aire libre. Entre o xoves 24 e o domingo 27, a veciñanza e as persoas visitantes poderán participar nun cinefórum, na presentación dun libro, nunha xornada de portas abertas no Serradoiro dos Carranos e nun roteiro pola contorna da Poza Piñeiro.
A programación comezará o xoves 24 de setembro, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal de Covelo, coa proxección da película Sempre Alice, protagonizada por Julianne Moore, con motivo do Día Mundial do Alzhéimer, que se conmemora o 21 de setembro. A actividade está organizada por Afaga Alzheimer, coa colaboración do Concello de Covelo e a Deputación de Pontevedra.
A película aborda, desde unha perspectiva humana e próxima, a realidade do alzhéimer. Ao remate da proxección celebrarase o coloquio «Alzheimer e outras demencias», un espazo de conversa e reflexión sobre esta enfermidade, o seu impacto e o apoio ás persoas afectadas e ás súas familias. A entrada será libre ata completar aforo.
O venres 25 de setembro, ás 19:30 horas, o Auditorio Municipal acollerá a presentación do libro La fuerza de un alma rota, da veciña de Covelo Judit Baltasar Rodríguez, que compartirá a súa experiencia persoal como muller vítima da violencia de xénero. A presentación e entrevista estará conducida pola xornalista Amparo Rodríguez Ojea.
O encontro permitirá coñecer a historia da autora nun espazo de conversa e reflexión. Ao remate, Judit terá exemplares do libro á venda e poderá asinalos na sala multiusos situada ao lado do auditorio. A entrada tamén será libre ata completar aforo.
Dúas propostas para descubrir o patrimonio e a paisaxe de Covelo
A programación continuará o sábado 26 de setembro cunha xornada de portas abertas no Serradoiro dos Carranos e na súa Aula de Interpretación, en Maceira, unha oportunidade para coñecer este espazo patrimonial, achegarse á súa historia e descubrir o contorno natural no que se sitúa.
A actividade, organizada polo Concello de Covelo e financiada pola Deputación de Pontevedra, será gratuíta, aínda que contará con prazas limitadas e será necesaria a inscrición previa. As persoas interesadas deberán contactar co guía de montaña, biólogo e fotógrafo Julio, de Nature&Photo-Julio Eiroa, no teléfono 654 500 652.
O domingo 27 de setembro será a quenda do Roteiro da Poza Piñeiro, unha proposta de natureza e sendeirismo que permitirá percorrer a contorna de Covelo, gozar da paisaxe e coñecer parte do seu patrimonio natural. Do mesmo xeito que a xornada do Serradoiro dos Carranos, a actividade será gratuíta, con prazas limitadas e inscrición previa a través do teléfono 654 500 652.
O Concello destaca a continuidade da programación máis alá do verán
O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, e a concelleira de Turismo, Lourdes Enes Fernández, destacan a importancia de manter unha programación activa durante todo o ano, tamén cando remata a tempada estival.
«Aínda que o verán chega ao seu fin, en Covelo seguimos programando actividades pensadas tanto para a veciñanza como para as persoas que nos visitan. Queremos que o noso municipio continúe ofrecendo propostas culturais, de lecer e de coñecemento do territorio durante todo o ano», sinalan.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo subliña que a programación permite combinar diferentes formas de achegarse ao municipio:
«Temos un patrimonio cultural e natural que merece ser coñecido e valorado. Con estas actividades queremos fomentar o interese polas nosas paisaxes, polos nosos espazos patrimoniais e pola cultura, ofrecendo propostas tanto no interior como ao aire libre e adaptadas a diferentes intereses».
Desde o Concello de Covelo anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nestas actividades e a seguir descubrindo os recursos culturais, naturais e patrimoniais do municipio.

