Covelo prepárase para vivir unha das fins de semana máis esperadas do ano coas XLV Festas Patronais e do Churrasco

Redacción

Máis de 2.000 quilos de carne, 2.500 racións, música en directo, artesanía, actividades acuáticas e propostas para toda a familia converterán Covelo nun referente festivo este 25 de xullo.

O Concello de Covelo ultima os preparativos para celebrar unha das citas máis emblemáticas do municipio: as XLV Festas Patronais e do Churrasco, que terán lugar do 24 ao 26 de xullo, cunha programación pensada para que veciños, veciñas e visitantes poidan desfrutar de tres intensos días de festa.

O momento máis esperado chegará o sábado 25 de xullo, coa tradicional XLV Festa do Churrasco, unha cita gastronómica que cada ano reúne a milleiros de persoas na Carballeira do Campo da Feira e que nesta edición volverá sorprender polas súas cifras.

Máis de 2.000 quilos de churrasco para unha festa única

Durante a xornada serviranse arredor de 2.500 racións, elaboradas con preto de 1.800 quilos de carne na propia Carballeira. Cada ración incluirá aproximadamente 600 gramos de churrasco, con costela de tenreira, costela de porco, un criollo, pementos de Padrón con certificado de orixe, pan e un vaso de viño, por un prezo popular de 8 euros.

A partir das 14:00 horas comezará o servizo das racións, mentres a festa estará amenizada pola Charanga Os Encerellados, seguida dos concertos de Los 5 del Titanic e A Banda do Sequío, que poñerán música e ambiente durante toda a tarde.

Durante toda a xornada haberá tamén unha cantina con prezos populares, organizada este ano polo Covelo Club de Fútbol, que completará a oferta gastronómica da festa.

Ademais da tradicional churrascada, a Carballeira do Campo da Feira ofrecerá unha ampla variedade de propostas para todos os gustos. Os asistentes poderán degustar polbo, así como visitar os diferentes postos de sobremesas tradicionais, onde non faltarán as filloas, rosquillas, doces artesáns e outras especialidades, facendo da Festa do Churrasco unha auténtica celebración da gastronomía galega.

O churrasco tamén chega á hostalaría local

Como novidade consolidada, a celebración esténdese tamén a varios establecementos hostaleiros do municipio, que ofrecerán un básico de churrasco suministrado polo concello (costela de porco, costela de tenreira e un criollo) ao mesmo prezo que na Carballeira.

Os locais colaboradores son:

Bar Cuartel (A Lamosa)

Bar Buraco (Covelo)

Bar A Cova do Ferro (Godóns)

Bar Plaza (Maceira)

Bar Milita (A Graña)

Bar Casa Cultural da Graña (A Graña)

A esta iniciativa destinaranse outros 240 quilos de carne, superando así os 2.000 quilos de churrasco entre a Carballeira e a hostalaría colaboradora.

Os establecementos poderán ofrecer, de forma opcional, outros produtos como bebidas, patacas ou ensalada, que se cobrarán á parte segundo as tarifas habituais de cada local.

Desde o Concello recoméndase reservar con antelación. Na páxina web www.concellodecovelo.es pódense consultar os teléfonos dos establecementos participantes.

Lémbrase tamén que os tickets adquiridos anticipadamente no Concello ata o 23 de xullo, ou o propio día 25 de xullo no punto de venda da Carballeira a partir das 11:00 horas, só serán válidos para consumir na Carballeira do Campo da Feira e non poderán utilizarse como forma de pago nos establecementos hostaleiros colaboradores.

Un plan para toda a familia

A Festa do Churrasco será moito máis que gastronomía. Desde as 12:00 horas celebrarase a Mostra de Produtos de Covelo e a tradicional Feira de Artesanía, onde produtores e artesáns locais darán a coñecer o mellor do municipio.

Para os máis pequenos, o Campo de Fútbol Municipal converterase nun espazo de diversión con unha gran deslizadeira de auga e un inchable acuático. Desde o Concello recoméndase acudir con bañador e toalla para gozar destas actividades gratuítas durante toda a tarde.

Tres días para vivir Covelo

As festas arrancarán o venres 24 de xullo cunha gran verbena a cargo dos grupos La Conexión e Trío Azabache.

O domingo 26 de xullo continuará a programación coa tradicional Festa da Bicicleta, un paseo pensado para tódalas idades, que rematará cun avituallamento para as persoas participantes e coa proxección do Cine de Verán, ás 22:30 horas, na Praza Mestre Cerviño, coa película “Quién es quién”.

O Concello de Covelo convida a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse esta fin de semana ao municipio para vivir unhas festas que combinan gastronomía, música, tradición, comercio local, artesanía, actividades infantís e lecer ao aire libre, nun dos espazos máis emblemáticos de Covelo, a Carballeira do Campo da Feira, consolidando a XLV Festa do Churrasco como unha das grandes citas gastronómicas e festivas do verán en Galicia.

Comparte este artigo