Denigrantes Comediantes estrea o seu novo espectáculo, O que calamos, en Nigrán.

Redacción

📅​ Domingo 10 de maio | 19:00 h

📌 Auditorio de Nigrán

Avenida Castelao, 2. Nigrán

Entrada de balde ata completar capacidade.

Con intérprete de lingua de signos.

Non recomendado para menores de 16 anos.

O que calamos, verdades agochadas entre silencios e rodeos, é unha chamada á empatía e á reflexión, tanto persoal como social; un berro fronte á violencia de xénero que non pide permiso para ser escoitado. Retrata a pulsión vital de mulleres moi distintas nos seus particulares silencios, e faino a través das olladas incisivas de dramaturgas do talle de Lluïsa Cunillé, Angélica Liddell, Beth Escudé ou Alberto San Juan, así como de textos propios de integrantes da compañía.

Mulleres diferentes que se descobren empurradas polas expectativas e polos patróns culturais que lles impiden amosar todo aquelo que poderían ser. Cada unha das protagonistas afronta unha batalla que coloca ao espectador fronte a unha realidade que paga a pena observar e recoñecer. Relatos que van máis alá da denuncia, pois son fiestras cara á resistencia. Cada personaxe amosa un murmurio afogado que, finalmente, cobra forza.

O que calamos non busca consolo nin respostas doadas, senón unha chamada urxente a espertar e a desafiar o establecido. Lonxe de quedar na superficie, procura tocar a nosa fibra máis profunda. Porque o verdadeiro teatro, o que conmociona, atrévese a adentrarse nas feridas para sanalas.

A función estrutúrase arredor de oito textos breves, todos eles inéditos ou escritos expresamente para esta montaxe: Silencio 1 e Silencio 2, de Lluïsa Cunillé; Fadouma e Querido diario, de Beth Escudé; Meigas, de Sofía Alonso, Ana Reboiras, Irene Alejo e María Besada; Rosas, de Natalia Gomes; Perla y Lourdes, de Alberto San Juan; e Enero, de Angélica Liddell.

O que calamos respira rebeldía e cada unha das súas escenas é un pequeno himno á supervivencia. Nace da necesidade de romper as cadeas do medo, do que dirán, da compracencia… e recrease no visceral; para que, ao final do espectáculo, non só o teñamos visto, senón que o teñamos sentido.

ORIXE

Nun xiro radical de rumbo, Denigrantes Comediantes afástanse con O que calamos da comedia irónica e adéntranse no universo dramático, para desafiar tanto ao público como a si mesmos.

Marien Breis, a súa directora, sitúase no epicentro deste cambio. A obra xorde dunha faísca que prendeu unha pregunta: por que calamos as mulleres? Esta cuestión acompaña a Marien desde hai 25 anos, a partir dun momento aparentemente trivial: unha entrevista promocional na que, ao ser cuestionada sobre o machismo dentro do seu grupo de teatro, non soubo (ou non puido) responder o que pensaba.

Ese silencio autoimposto, do que Marien comezou a tirar como fío condutor dunha proposta escénica, resultou ser todo menos un fenómeno illado. A directora, ao recoñecer os seus propios silencios, decidiu buscar respostas nas mulleres que a rodeaban e que tamén sucumbiran ás mesmas dinámicas.

Pronto, o que parecía unha cuestión persoal converteuse nunha procura colectiva que se materializou nun conxunto de textos que hoxe logran, por fin, saír do fondo do caixón no que quedaran, por falta de financiamento, e ver a luz.

As voces que se reúnen na obra son as de todas aquelas mulleres que, por un motivo ou outro, tiveron que calar máis do debido algunha vez.

AUTORAS

Angélica Liddell. Considerada unha das dramaturgas e directoras máis influentes da escena contemporánea europea, é recoñecida polo seu teatro transgresor, poético e radical. Premio Nacional de Teatro 2025, Premio Nacional de Literatura Dramática e premio León de Prata da Bienal de Teatro de Venecia, foi nomeada Chevalier das Artes e das Letras de Francia.

Lluïsa Cunillé. Recoñecida pola súa linguaxe persoal e pola exploración da experiencia íntima e colectiva, foi galardoada co Premio Nacional de Teatro da Generalitat de Cataluña e co Premio Max das Artes Escénicas. Primeira muller en recibir o Premio Nacional de Literatura Dramática.

Beth Escudé. Dramaturga, actriz, poeta e guionista. A súa obra Lo Nuestro gañou o Premio ao Mellor Texto Orixinal nos Premis Teatre Barcelona 2020.

Alberto San Juan. Actor e dramaturgo, cofundador da compañía Animalario, gañou premios como o Goya e o Max de Teatro. Destaca polo seu compromiso co teatro como un espazo de autonomía e humanidade.

Sofía Alonso, Ana Reboiras, Irene Alejo e María Besada. Actrices integrantes do grupo de teatro Denigrantes Comediantes. Meigas é a súa primeira incursión na dramaturxia, un texto onde exploran a forza feminina e a loita contra os prexuízos sociais desde un enfoque moi persoal.

Natalia Gomes. Publicista e redactora creativa. Publicou contos para a marca El Naturalista e a antoloxía Frase-citas: El libro de citas que no vienen en los libros de citas. Rosas é o seu primeiro texto dramático.

COLABORADORAS

Paula Cobián (coreógrafa), supervisando a linguaxe corporal.

Pedro Feijoo (escritor), traducindo os textos orixinais ao galego.

Carlinha Formiguinha (ilustradora), deseñando o libreto.

A COMPAÑÍA

O grupo de teatro Denigrantes Comediantes está dirixido por Ferran Botifoll e Marien Breis, dous experimentados actores e profesores de teatro que escolleron Nigrán como o seu fogar na procura de tranquilidade e calidade de vida tras unha extensa traxectoria na escena nacional.

Ferran Botifoll é coñecido polo seu papel como Aigor Cajones no icónico programa Esta noche cruzamos el Mississippi e pola súa participación en exitosas series televisivas como Médico de familia, Al salir de clase e Aquí no hay quien viva, ademais de formar parte da prestixiosa compañía de teatro La Cubana.

Pola súa banda, Marien Breis deixou pegada en producións televisivas destacadas como Genius Picasso e Centro médico, entre outras, e formou parte do recoñecido grupo teatral Animalario. Licenciada en Arte Dramática e especializada en Técnica Vocal e Oratoria, imparte clases de comunicación verbal para aprender a falar en público.

Desde a Escola Municipal de Teatro de Nigrán, onde ambos foron docentes, fraguaron a idea de crear un grupo de teatro afeccionado, ao que decidiron bautizar como Denigrantes Comediantes, en homenaxe a unha antiga compañía teatral da localidade que levaba o mesmo nome.

Comparte este artigo