Domínguez mobiliza ao PP de Pontevedra para construír “a cidade que os pontevedreses merecen”

Redacción
  • “Temos equipo, temos proxecto e temos capacidade. Toca traballar arreo, estar na rúa e escoitar aos pontevedreses. Cada militante ten unha responsabilidade e todos temos que remar na mesma dirección para facer que Pontevedra abra unha nova etapa”, afirmou na Xunta Directiva
  • Luis López: “Temos unha gran oportunidade para pechar por fin unha etapa de 28 anos de nacionalismo”

O presidente local e candidato á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, reuniu á Xunta Directiva Local do PP na sede provincial dos populares para marcar as prioridades de traballo dos próximos meses e pedir a toda a organización “esforzo, unidade e proximidade para seguir construíndo o proxecto de cidade que Pontevedra e os pontevedreses merecen”.

Domínguez lembrou que o PP foi a forza máis votada nas municipais de 2023, con 11 concelleiros, e subliñou que ese resultado supón unha responsabilidade para acadar a maioría absoluta o 23 de maio de 2027.  “Non estamos para vivir de ningún resultado pasado, senón para traballar cada día e demostrar que estamos preparados para gobernar Pontevedra”, afirmou.

O candidato popular reclamou especialmente aos concelleiros “traballo na rúa, escoita e capacidade para propoñer solucións” e puxo como prioridades a creación de emprego de calidade e oportunidades para os mozos, o acceso á vivenda, a mobilidade e o aparcamento, a limpeza e a atención ás persoas sen fogar.

Neste sentido, destacou o papel que pode xogar Pontevedra ao contar con representantes pontevedreses en postos de responsabilidade, especialmente a conselleira María Martínez Allegue, o delegado territorial Pablo Fernández, o deputado nacional Pedro Puy e a senadora Pepa Pardo. “Temos persoas con capacidade de decisión e temos que aproveitar esa presenza para conseguir investimentos, proxectos e solucións para a nosa cidade”, sinalou.

En materia de vivenda, Domínguez puxo en valor o traballo da Xunta e reclamou ao Concello a mesma ambición. “A política de vivenda  municipal non pode limitarse a ceder terreos e dar o asunto por resolto. A Consellería de Vivenda demostrou e seguirá demostrando o traballo con feitos, pero o Concello tamén ten que asumir a súa responsabilidade”, reclamou.

Sobre mobilidade, referiuse ao caos de tráfico vivido durante a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon como exemplo da necesidade de abordar “unha solución estrutural para o aparcamento, os accesos e a circulación”. Pontevedra ten capacidade para acoller grandes eventos, pero tamén ten que ser unha cidade que funcione no seu día a día”, asegurou o líder do PP na cidade.

Domínguez reclamou tamén melloras na limpeza da cidade tras a entrada en vigor do novo contrato e advertiu do incremento das persoas sen fogar. “O Concello de Pontevedra non pode permanecer alleo e, sobre todo, ten que dar respostas ás persoas que máis o necesitan a través dos servizos sociais”, afirmou.

O presidente local destacou igualmente o traballo conxunto que desenvolve con Luis López na Deputación de Pontevedra, onde ambos exercen como vicepresidente e presidente, respectivamente, e defendeu que a coordinación entre administracións “é unha oportunidade que Pontevedra debe aproveitar para avanzar”.

“Temos equipo, temos proxecto e temos capacidade. Agora toca traballar, estar na rúa e falar coa xente. Cada militante e cada concelleiro ten unha responsabilidade e todos temos que remar na mesma dirección para conseguir que Pontevedra avance cara un futuro realista, ambicioso e con sentidiño”, reivindicou.

Luis López: “Temos un gran partido, un gran líder e unha oportunidade”

Pola súa banda, o presidente provincial de Pontevedra, Luis López, destacou que “as convocatorias das Xunta locais son sempre un acerto xa que nestas reunións é cando se forxa o espírito de equipo capaz de dar o máximo cando se necesita, e de resistir cando toca. É onde se fala, se acorda e se constrúe un proxecto gañador”.

Luís López fixo especial fincapé en que a cidade de Pontevedra ten unha gran oportunidade de poder pechar por fin unha etapa de 28 anos, e Pontevedra e este partido son e teñen que seguir sendo a mesma cousa. “Temos unha traxectoria, temos un gran partido, temos un gran líder, e temos unha oportunidade; xa que agora temos un BNG conformista, acomodado no pasado e resignado, que só vive de antigas rendas, mentres a cidade cada día ten menos forza, menos ambición, menos prosperidade, menos futuro e nós temos a oportunidade de darlle á cidade o proxecto e o futuro que Pontevedra merece”, afirmou.

O presidente provincial incidiu no bo traballo de Rafa Domínguez ao fronte da agrupación local, “con proxectos innovadores pero realistas, con persoas coa ambición de levar a Pontevedra a outro nivel, cun ton e unha comunicación que sintoniza coa xente e indo a por todas e demostrando ganas de abrir unha nova etapa na cidade”, concluíu.

Comparte este artigo