HomePontevedraDomínguez rexeita o modelo de cidade de Lores por “abandonar ás persoas...

Domínguez rexeita o modelo de cidade de Lores por “abandonar ás persoas sen fogar e permitir que a sensación de inseguridade e sucidade aumente”

- Anuncio -spot_img

• O líder do PP esixe reforzar os medios humanos e materiais da área municipal de Servizos Sociais para cumprir as súas funcións coas persoas sen fogar, dotar á Policía Local dos recursos necesarios para reforzar a vixilancia rueira, mellorar a limpeza dos puntos conflitivos e convocar a Comisión Especial para o Estudo e Mellora da Convivencia Cidadá que se acordou no pleno extraordinario de xuño

• Os populares sinalan que hai un aumento notorio de queixas veciñais e que un 10% das reclamacións que irán mañá á Comisión Especial de Queixas e Suxestións están relacionadas con comportamentos incívicos e con problemas de convivencia cidadá

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado pola concelleira Silvia Junco, denunciou a diminución continuada dos servizos sociais do Concello e a “deterioración consentida” da convivencia cidadá por parte do goberno local do BNG, encabezado polo alcalde #Miguel Anxo Fernández Lores, “que non tomou nin unha soa medida nos últimos anos para resolver esta situación” que afecta á seguridade e benestar de moitos pontevedreses.

“Se o modelo de cidade de Lores é abandonar ás persoas sen fogar e permitir a acumulación de lixo, pequenos furtos e agresións frecuentes, que non conte comigo nin co Partido Popular”, exclamou Domínguez tras facerse eco do aumento de queixas veciñais por este motivo, que o PP cuestionará na Comisión Especial de Queixas e Suxestións convocada para mañá no Concello de Pontevedra.

No primeiro trimestre de 2025 rexistráronse 44 reclamacións, que aumentaron a 62 no segundo trimestre do ano. “Ao redor dun 10 por cento das queixas veciñais teñen que ver con comportamentos incívicos e con problemas de convivencia cidadá. Se o alcalde non cre ao PP que está na rúa todos os días, polo menos que crea aos seus veciños”, demandou.

O líder do PP leva desde marzo de 2023, cando se debateu a súa primeira moción para reforzar a vixilancia e seguridade do barrio de Campolongo, esixindo ao goberno local do BNG medidas reais e efectivas para liquidar unha problemática que se estendeu, #ante a “pasividade” de Lores, á praza da Ferrería, Galerías Oliva, Gutiérrez Mellado, Barcelos ou Joaquín Costa diante do Hospital Provincial.

En xuño de 2025, o Concello celebrou un pleno extraordinario cun único punto na orde do día, a pedimento do PP, no que se acordou a creación dunha Comisión Especial para o Estudo e Mellora da Convivencia Cidadá, que se debería prolongar por un período de seis meses, prorrogables por outros seis. De momento, segue sen convocarse por parte do goberno local.

A Domínguez preocúpalle a “pésima imaxe” que se traslada ao exterior de Pontevedra e o “efecto chamada” que se produce ao non tomar decisións, pero insistiu en que o primordial é o incremento dos recursos humanos e materiais para reforzar a área municipal de servizos sociais: “Pontevedra está á cola das cidades españolas que menos gastan nesta área fundamental de goberno. Son persoas, en moitos casos con patoloxías, que non reciben nin a atención nin os coidados mínimos por parte do Concello”.

Ademais, esixe un incremento dos medios da Policía Local e da limpeza urbana da cidade. “Seica Lores non se dá conta de que os nenos xa non van xogar á Ferrería? Por que cre o BNG que hai familias con menores ou persoas maiores que contactan co PP para pedir axuda? O alcalde ten que facer algo porque Pontevedra está moito peor que fai cinco anos e non toman ningunha medida”, finalizou.

Publicacións Relacionadas