- O líder do PP de Pontevedra propón a instalación dun parque infantil, elementos de ximnasia para as persoas maiores e unha pista de petanca.
- O pasado mes de abril a veciñanza presentou máis de 200 sinaturas a través do Rexistro do Concello “e aínda non obtiveron unha resposta formal” apunta o líder dos populares
O Partido Popular de Pontevedra mantivo un encontro con veciños do lugar de A Esculca, en Salcedo, que solicitaron por escrito ao Concello de Pontevedra a creación dun espazo de lecer interxeracional fai máis de seis meses. A día de hoxe, “e pese a acompañar o escrito con máis de 200 sinaturas, seguen sen ter unha resposta formal por parte da administración municipal”, indica Rafa Domínguez, presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra.
Rafa Domínguez e o concelleiro do rural Martín Martínez estiveron coa veciñanza para coñecer de primeira man como empregan como punto de encontro e reunión unha parcela da Comunidade de Montes, para a que solicitaron axuda ao Concello de Pontevedra para poder facer do lugar un espazo de lecer interxeracional, é dicir, no que pequenos e maiores poidan desfrutar das tardes e as fins de semana todos xuntos.
Cabe destacar que este é un espazo no que a diario se reúnen nenas e nenos acompañados dos seus proxenitores e tamén dos seus avós, e a veciñanza bota en falta un espazo acondicionado, con columpios para a cativada e elementos de ximnasia para as persoas maiores. Tamén propoñen a creación dunha pista de petanca.
Domínguez lamenta que “a día de hoxe os veciños non obtiveran aínda unha resposta formal” por parte do Concello de Pontevedra pese a que se presentasen máis de 200 sinaturas a través do Rexistro do Concello de Pontevedra. “Non se trata dunha demanda illada, senón que estamos ante unha reivindicación colectiva que conta cun gran respaldo veciñal”, indica o líder dos populares, quen considera que un Goberno Local “debe estar para escoitar, atender e dar resposta ás demandas da cidadanía”.
Para Domínguez resulta difícil de entender que sexan os propios veciños “os que teñan que organizarse, acondicionar o espazo cos seus propios medios e insistir reiteradamente para conseguir algo básico como é un espazo de encontro e reunión ao aire libre” mentres o alcalde e o seu equipo de Goberno non ten a ben recibir os veciños nin escoitar as súas propostas.
Lores non debería escudarse en que os terreos son propiedade da Comunidade de Montes de Salcedo, senón que debería estudar a proposta “e buscar unha fórmula de colaboración e cooperación coa Comunidade de Montes, sobre todo tendo en conta que non estamos a falar dunha gran infraestrutura nin dun investimento desproporcionado, senón dunha actuación razoable, necesaria e cun importante beneficio social”, explica Dominguez.
“O rural non pode continuar sendo o gran esquecido do Goberno Municipal. Todas as aldeas, todas as parroquias e todos os veciños importan por igual, independentemente do lugar no que residan”, remata Domínguez.

