• O líder do PP de Pontevedra acusa a Lores de ignorar aos veciños e comerciantes afectados tras anos de deterioración nunha das rúas máis céntricas da cidade
• Os populares lamentan a deterioración do mobiliario urbano con lousas afundidas, bancos rotos, falta de contedores, farois golpeados e a necesidade de aumentar as prazas de aparcamento para evitar que os coches estacionen na beirarrúa
O presidente e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado pola concelleira Silvia Junco, denunciou as numerosas deficiencias que presenta a rúa Cruz Gallastegui tras o proceso de peonalización levado a cabo no 2016 e que agravou os problemas que padecen, desde hai anos, comerciantes e veciños: “Acudimos á chamada dos representantes das 11 comunidades de veciños da rúa e comprobamos, unha vez máis, que o abandono por parte dos responsables municipais do BNG é total e absoluto”.
Domínguez lamentou que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, non se preocupase persoalmente polos afectados, despois de que o concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, acumule case catro meses sen dar resposta aos veciños, a pesar de comprometerse o 11 de febreiro a facelo no prazo aproximado dun mes.
“O BNG de Lores vive afastado da realidade. Crearon unha rúa máis insegura, máis sucia, menos accesible e na que non se reduciu o número de vehículos de forma significativa. E non só iso: nin sequera atenden as demandas expresas polos seus veciños para poder mellorar unha das rúas máis céntricas e importantes de Pontevedra”, engadiu.
O líder do PP de Pontevedra criticou tamén a deterioración do mobiliario urbano con lousas afundidas, bancos rotos, falta de contedores, farois golpeados e torcidos, e a necesidade de aumentar as prazas de aparcamento para evitar que os vehículos de particulares e servizos sigan invadindo de forma recorrente a beirarrúa dereita no sentido da circulación.
“A peonalización de Cruz Gallastegui fracasou. Non se cumpriron as expectativas e a impresión xeneralizada que nos levamos da visita cos veciños é unha sensación de caos, descontrol e sucidade”, expresou Domínguez.
Para rematar, o dirixente popular expresou a súa intención de seguir en permanente contacto cos veciños: “Só fai falta pasear cinco minutos por Pontevedra para comprobar que, non só os barrios e as parroquias están abandonadas pola falta de xestión municipal, tamén Cruz Gallastegui, unha das rúas máis céntricas e importantes continúa degradándose cada día”, concluíu.

