“El Regreso Café Brunch” proclámase vencedor no concurso de almorzos “Saborotea 2026” promovido polo concello de Ponteareas

Redacción

A segunda e terceira praza recaeron no “Romi Café” e na “Hamburquesería-Bocatería O Troll”, respectivamente.

O Salón de Plenos Concello de Ponteareas, acolleu a entrega de premios do concurso de almorzos “Saborotea. Unha proposta da concellería de Comercio que se levou a cabo entre o 25 de abril e o 31 de maio, contando nesta edición cunha novidade importante, xa que nesta ocasión, ademais do xurado profesional, tivo o mesmo peso na decisión o voto do público. 

Contabilizados os votos, proclamouse vencedor o almorzo denominado “A delicia do Regreso”, presentado polo negocio “El Regreso Café Brunch”. O segundo posto foi para a proposta denominada “Mango Sunset”, presentada polo “Romi Café”, mentres que a terceira praza foi para a “Hamburquesería-Bocatería O Troll” co seu almorzo “American-Style Lunch”.

Ademais das propostas gastronómicas, tamén foi valorado o servizo, e neste caso houbo un empate, compartindo o galardón os negocios “El Regreso Café Brunch” e “Culler Doce”.

O concelleiro de Comercio, Ricardo González, foi o encargado de abrir o acto, felicitando aos negocios participantes “porque detrás de cada proposta gastronómica hai horas de planificación, investimento, xestión de equipos, creatividade e innovación”. Tamén quixo destacar e agradecer o apoio das empresas colaboradoras, como é as Termas de Teáns de Salvaterra de Miño, Elena Pérez, EFA A Cancela, Requeixo das Neves, Gadis e Cafés Donoso.

A marxe dos números, que foron moi bos en canto a participación e movemento comercial, González recalcou que a campaña é “unha ferramenta de reactivación urbana” que supuxo  mobilizar o fluxo peonil desde primeira hora, rompendo as rutinas habituais de consumo dos nosos veciños “transitando por zonas e barrios de Ponteareas que non frecuentan no seu día a día”. Ese movemento na rúa tradúcese directamente nun “beneficio colateral para todo o tecido comercial”, apuntilló o concelleiro de Comercio.

Aposta polo produto local

Rebeca Moares e Fátima Estévez, profesoras do Centro de Formación Profesional EFA A Cancela”, foron as encargadas da valoración profesional das propostas, destacando o salto de calidade nesta edición, incorporando “propostas atrevidas e creativas”. Tamén puxeron de manifesto que nalgunhas propostas está presente a incorporación de produtos locais ou da zona, “o que supón unha aposta polo noso, poñendo en valor as bondades dos mesmos á hora de crear propostas orixinais con identidade propia”. Finalmente, invitaron aos negocios locais a unirse a vindeiras edicións, continuando con esa “liña de innovación que estivo presente nesta edición”.

A alcaldesa, Nava Castro, foi a encargada de pechar o acto extendendo a súa felicitación a todos os negocios de hostalería, “pola calidade e creatividade das propostas presentadas”. A rexedora destacou a importancia desta iniciativa “como elemento dinamizador da hostalería, pero tamén dos negocios en xeral”. Finalmente, Nava amosou a súa total disposición a seguir apostando dende o concello por propostas “tan importantes como esta a nivel comercial” ao tempo que amosou o seu desexo de que en vindeiras edicións “aumente tanto a participación como a innovación, situando a Ponteareas como referente gastronómico na contorna”.  

Comparte este artigo