- A voceira municipal do PP solicitou o apoio da veciñanza a Alfonso Rueda nun percorrido pola vila co candidato Raúl Santamaría e outros membros do PP local “porque é a única garantía de estabilidade e cobertura ás necesidades de Bueu fronte as leas dun multipartito”
- O concelleiro vilagarcían, número 7 da lista, puxo en valor as propostas do PP para a mocidade coas taxas universitarias de balde e o transporte gratuíto, do que xa se benefician 944 buenenses menores de 21 anos e as amplas axudas en materia de vivenda, emprego, deporte e lecer
A voceira municipal do PP de Bueu, Elena Estévez, destacou hoxe o compromiso do seu partido con Bueu para, a través da Xunta de Galicia, ter investido no concello morracense 18,1 millóns de euros na derradeira lexislatura e tamén puxo en valor a “forte aposta e defensa” dos populares para o sector do mar, “algo que é fundamental no noso municipio pola súa importancia económica e tamén identitaria.
Elena Estévez, que esta mañá participou nun paseo electoral pola vila acompañada polo candidato Raúl Santamaría e Dolores Hermelo, solicitou o apoio decidido da veciñanza a Alfonso Rueda nas eleccións do vindeiro domingo 18 de febreiro, “xa que o que é medible non é opinable e o compromiso do noso presidente con Bueu percíbese perfectamente neses 18 millóns de euros”. Por elo, avogou por que haxa un respaldo maioritario ao Partido Popular, “posto que somos a única garantía de estabilidade e de ter un Goberno galego que atenderá as necesidades de Bueu fronte ás previsibles leas dun multipartito, que estará ás súas leas entre eles pero, desde logo, non a atender aos buenenses”.
Estévez tamén fixo un aparte para falar do sector do mar, xa que revelou que a Xunta adicou máis de 1,4 millóns de euros á xente de Bueu que se adica a esta actividade, e contrapuxo a sensibilidade, implicación e canles de diálogo que sempre ten o PP con este ramo económico “fronte aos ataques, críticas e abandono de PSOE e BNG, que só se preocupan del cando salta algunha cuestión coa que poden sementar a polémica para tratar de rabuñar algún voto, pero, á hora da verdade, nunca respaldan as súas necesidades e sempre están contra os seus intereses, como se viu no arrastre, a mexilla ou o recente vertido dos pélets, un incidente co que non lle doeron prendas en emprender unha campaña de críticas e desprestixio dos nosos produtos do mar motivando unha caída das vendas que afectou moito a Bueu e outros concellos do Morrazo, pero eles só quería réditos electorais, non axudar á nosa xente do mar”.
Pola súa banda, o número 7 da lista do PP pola provincia de Pontevedra e concelleiro vilagarcían, que recibíu o agarimo da veciñanza de Bueu, centrouse en poñer en valor as moitas medidas para a mocidade impulsadas polos populares, como as taxas universitarias de balde a partires do vindeiro curso académico, a gratuidade do transporte público, da que se benefician 944 buenenses menores de 21 anos, ou as amplas axudas habilitadas en materia de vivienda, emprego, emprendemento, deporte ou lecer, entre outras.