- O “Foro de Experiencias” contará con Pedro Rodríguez e co director de psicoloxía do RC Celta, Joaquín Dosil, para achegar as claves do éxito e o adestramento mental para a busca de emprego
- Trátase dun foro de emprego e desenvolvemento profesional no que participarán importantes empresas da contorna
- No marco da feira realizarase un foro de experiencia con referentes e un “talent hub” con áreas expositivas, con entrevistas con empresas e stands sobre formación
Emilio Duró, recoñecido economista, consultor e un dos pioneiros na introdución da psicoloxía positiva no ámbito empresarial, chegará ao Porriño este 19 de maio para compartir as claves do éxito e a xestión emocional. Será no foro de emprego e desenvolvemento empresarial “O Porriño Conecta Talento”, que organiza o Concello do Porriño e que busca dinamizar o mercado laboral local conectando a grandes empresas instaladas en Galicia con profesionais e persoas en busca de novas oportunidades. Falará do que máis sabe: “Vivir con Sentido, Optimismo e Esperanza”.
Así, os asistentes ao foro poderán asistir á conferencia deste referente indiscutible a nivel internacional na motivación e o liderado, cunha traxectoria de máis de 30 anos asesorando as principais empresas do Estado cun estilo directo, enérxico e cargado de sentido do humor e tamén de optimismo.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou a relevancia desta cita: “Contar con Emilio Duró é un luxo para o noso concello. Queremos que este foro sexa un motor de motivación para os nosos veciños e veciñas, ofrecéndolles ferramentas reais para o seu futuro laboral. O Porriño é un referente industrial e este evento é a ponte perfecta entre o noso tecido empresarial e o talento que busca unha oportunidade”.
Duró é o prato forte dun programa moi ambicioso que inclúe un “foro de experiencias” con vivencias e consellos prácticos de profesionais referentes. É neste apartado no que aparece o gurú da psicoloxía positiva, pero tamén outros nomes de importante prestixio como Pedro Rodríguez. O coñecido consultor, formador, mentor e poñente en habilidades sociolaborais, falará de “Motivación e habilidades para a busca de emprego: descubre o teu océano”, un adestramento onde os asistentes traballarán aspectos clave para mellorar a súa empregabilidade mediante unha metodoloxía que prima a participación activa, o dinamismo e a practicidade.
Ademais Joaquín Dosil, coach, profesor de psicoloxía e director do Encontro de Directivos/as Líderes “100 Consejos” e autor de 20 libros, falará sobre “A psicoloxía do éxito no traballo e na vida”. Trátase do Director do Departamento de Psicología no RCCelta ou o CB Breogán, ademais de asesor mental de varios campións do mundo e olímpicos.
O Porriño Conecta Talento postúlase como unha oportunidade estratéxica tanto para persoas en procura activa de emprego como para estudantes de 4º da ESO, Bacharelato, Formación Profesional e Universidade, que atoparán información clave sobre as múltiples saídas para dirixir o seu futuro profesional. O foro contará con máis de 50 expositores e unha zona específica de networking para fomentar o contacto directo. Ademais, apostando pola innovación e a axilidade, a entrega de currículos automatizarase mediante un sistema de captación de códigos QR, facilitando así a conexión inmediata entre o talento local e as mesas de selección das empresas.
O foro contará cun Talent Pitch, onde os que se postulen ao posto de traballo poderán facer unha defensa da súa candidatura en dous minutos, pero tamén dun Talent Hub, con entrevistas persoais coas empresas presentes no correo conecta.talento@oporrino.org. No primeiro dos casos debe haber unha inscrición previa. No segundo, poderán pedir cita ás 9.30 no stand de Porremprego.
Emilio Duró
Emilio Duró consolidouse como o conferenciante máis influente en materia de actitudes proactivas. A súa visión sobre o “coeficiente de optimismo” como motor de rendemento laboral e felicidade persoal convérteo nunha cita imprescindible tanto para empresas como para traballadores e persoas en situación de desemprego.
As conferencias de Emilio Duró son unha oportunidade única para aprender sobre motivación, éxito e mellora persoal. Durante estas sesións, comparte a súa experiencia como emprendedor e conferenciante internacional, ofrecendo consellos e ferramentas prácticas para acadar o éxito en todos os aspectos da vida. Así, fala da importancia da intelixencia emocional na xestión de persoas e organizacións.
Sobre a mesa, na conferencia que impartirá no Porriño Conecta Talento, tamén estarán a importancia da autoestima, o autocoñecemento ou incluso a autoaceptación, pero, sobre todo, a confianza.
“A vida dáche as cartas, non podes cambialas, pero ti decides como xogalas”; esa é unha das frases célebres deste experto que se porán en práctica no Porriño Conecta Talento.
Precisamente este é o fío conductor do “foro experiencias” onde se buscan vivencias e consellos prácticos de profesionais referentes para atopar “o consello que pode cambiar a túa vida”, que é o eslogan deste foro de emprego e desenvolvemento empresarial que se celebra o vindeiro 19 de maio no Porrño.
Pedro Rodríguez
Pedro Rodríguez é consultor, formador, mentor e poñente en habilidades sociolaborais. Diplomado en Maxisterio na especialidade de Educación Infantil, conta cun Máster en Dirección Comercial e Marketing e formación en Coaching individual e para equipos.
Desde xaneiro do ano 2007, participou no deseño e execución de múltiples proxectos formativos orientados a PEMES, adestrando a directivos e empregados de distintos sectores. Posúe unha ampla experiencia en Programas de Emprego, actuando como formador ocupacional en diversos AFD da Xunta de Galicia e en Plans Integrados de Emprego de varios concellos e asociacións empresariais.
Foi poñente en congresos e feiras de relevancia como Ponteemprego, a UNIR (Universidade Internacional de La Rioja) ou a Cámara de Comercio. Así mesmo, destaca o seu traballo con colectivos vulnerables en colaboración con entidades como Cruz Vermella, Acción Contra o Fame, a Fundación Santa María la Real, Fundación NORTEMPO, COGAMI ou o Centro Juan María.
A súa intervención terá unha duración de 1 hora en modalidade presencial. Está formulada como un adestramento onde os asistentes traballarán aspectos clave para mellorar a súa empregabilidade mediante unha metodoloxía que prima a participación activa, o dinamismo e a practicidade.
Joaquín Dosil
É Doutor en Psicoloxía, Profesor de psicoloxía na Universidade de Vigo, Director do Encontro de Directivos/as Líderes “100 Consejos”, que reúne a más de 1000 Directivos, Asesor de Directivos de empresas como Repsol, Telefónica, Abanca, Santander, Suevia, Darlim, Stellantis, Pescanova, Estrella Galicia, etc… Autor de 20 libros e máis de 100 artículos. Responsable de procesos de selección de persoas e de rrhh en diferentes institucións públicas e empresas privadas. Director do Departamento de Psicología no RCCelta ou o CB Breogán. Asesor mental de varios campións do mundo e olímpicos.

