Escolares de todo Nigrán celebran no Muíño de Porto do Molle a primeira Festa dos Maios organizada polo concello

adminON
Lectura mínima de 3

ESCOLARES DE TODO NIGRÁN CELEBRAN NO MUÍÑO DE PORTO DO MOLLE A PRIMEIRA FESTA DOS MAIOS ORGANIZADA POLO CONCELLO

Cada centro educativo levou cadanseu maio e, a maiores, gozaron dunha actuación de Trémola Teatro ao aire libre sobre a vida e obra de Luísa Villalta

O mesmo espazo será o escenario mañá venres do concerto de ‘Os alegres do Val Miñor’ e o sábado das pandereteiras do Sobreiro máis Leni Pérez e Roberto Comesaña

O Concello de Nigrán festexou esta mañá cos escolares do municipio a súa primeira celebración oficial dos ‘Maios’ nunha localización tamén recén estreada: o muíño de Porto do Molle. Trátase dunha actividade encadrada na programación municipal das Letras Galegas, xa que servíu para dar a coñecer a figura da homenaxeada de Luísa Villalta. Así, cada centro educativo (CEIP Mallón, CEIP Humberto Juanes, CPI Arquitecto Palacios e CEIP Carlos Casares) participou coa exposición de cadanseu maio no recinto e, a maiores, gozaron dunha actuación de Trémola Teatro ao aire libre sobre a vida e obra de Villalta. A maiores, os preto de 120 estudantes de Infantil e primeiros anos de Primaria visitaron o rehabilitado muíño de Porto do Molle para coñecer in-situ como funcionaba esta construción tan tradicional na arquitectura galega. Precisamente, este será o escenario da maior parte das actividades que se levarán adiante ata o 31 de maio con motivo das Letras Galegas.

“Estamos moi orgullosos de poder empregar o muíño para festexar algo tan ancestral da nosa cultura como os Maios, nestes espazos naceron as muiñeiras, así que non hai mellor lugar para as Letras Galegas en Nigrán”, explica o alcalde, Juan González.

Precisamente, este venres 10 de maio, a partir das 20:00 horas, o lugar será o escenario do concerto de ‘Os alegres do Val Miñor’. E o sábado 11 ás 20:00 horas terá lugar unha foliada coas pandereteiras do Sobreiro e a actuación ‘De flor en flor’, da intérprete Leni Pérez e o acordeonista Roberto Comesaña. O domingo 12 a programación trasládase ao Auditorio co concerto-homenaxe a Villalta da Coral Novos Aires de Nigrán ás 20:00 horas; e o martes 14 e xoves 16 á Biblioteca Municipal a partir das 18:00 con contacontos infantís (‘A orixe’, de Raquel Queizás e ‘Contamos en Igualdade’, de Eduvía, respectivamente).

O propio día das Letras Galegas terá lugar a actuación do grupo Varalonga en homenaxe a María Luisa Villalta e Bernardino Graña (escritor galego de referencia que vive nunha residencia de Nigrán desde hai décadas). Pola súa banda, a tarde do sábado 18 estará adicada á cativada cos brinquedos tradicionais de ‘Xogando Miudiño’ e actividades de Teatro do Ar. Finalmente, o venres 31 de maio péchase a programación na Praza do Concello coa obra ‘De Vilatriste a Vilalegre’, de ‘Utópica Rodante’, do Centro Dramático Galego

Comparte este artigo