Éxito de público e de nivel competitivo na terceira edición do Talento Xove de danza no Auditorio de Ponteareas

Redacción

A terceira edición do Talento Xove de danza celebrada esta fin de semana no Auditorio de Ponteareas rexistrou unha magnífica entrada, con máis de 800 asistentes, que encheron o patio de butacas durante as cinco horas que durou a competición, que estivo dividida en dúas galas segundo as idades dos participantes: as categorías baby e infantil por unha banda e as categorías cadete e xuvenil pola outra, coas diferentes disciplinas de clásico, moderno, individual, dúos e tríos en cada unha delas.

A competición contou coa participación das escolas de baile Escuela de Danza Namanac’s, Vai de Baile, Metamorfosis, CDM Centro de Música Moderna e Maison Música e Danza, que puxeron en escena un total de 52 coreografías nas diferentes disciplinas de clásico, moderno, individual, dúos e tríos.  

Durante máis de cinco horas de espectáculo, o público puido desfrutar da enerxía, creatividade e talento da mocidade ponteareá, nun evento impulsado polo Concello para promover e recoñecer as capacidades artísticas dos mozos e mozas da vila.  

O concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, destacou “a paixón e implicación dos participantes” e celebrou “a gran resposta do público nun evento que xa se consolida como unha cita de referencia para a mocidade de Ponteareas”.  

Pola súa parte, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, encargada de clausurar o certame, salientou que “desde o Concello seguiremos apostando por iniciativas que dean visibilidade ao talento da nosa mocidade e lles ofrezan espazos para crecer, expresarse e compartir o seu traballo”.  

Talento Xove consolídase así como unha das grandes citas culturais e xuvenís do municipio, combinando promoción artística, convivencia e participación. O concurso continuará nos próximos días coas finais doutras disciplinas artísticas.  

LISTAXE DE GAÑADORES:

Gañadores Talento Xove na categoría baby/Infantil na disciplina de danza

Baby Clásico: Ballet CDM – Bruxas

Baby Moderno: Babys Namanac´s – Boro Boro

Infantil Moderno: Bubbles Metamorfosis – Ratatouille

Infantil Clásico: Contemporáneo CDM – Monstros debaixo da cama

Infantil individual/dúos/tríos: María Bodarenko – Cisne Negro

Gañadores Talento Xove en la categoría cadete/xuvenil na disciplina de danza

Cadete clásico: Ballet maiores CDM Berghain

Cadete Moderno: A&A Metamorfosis – Bitelchus

Xuvenil Moderno: Meraki metamorfosis – Mortais

Cadete individual/dúos/tríos: Sandra – Runa

Comparte este artigo