Fogares que cambian vidas: Arela busca familias para adolescentes en momentos clave

Redacción

Eva Piñeiro, en representación da Asociación Arela* (www.arela.org) , mantivo un encontro institucional no Concello de Baiona coas persoas responsables da área de Política Social, Ana María Iglesias, Concelleira de deporte, Política Social e Asociacionismo, ademais do persoal técnico do Concello, co obxectivo de reforzar a colaboración na difusión do programa CONVIVE.COMigo.

O CONVIVE.COMigo é unha iniciativa financiada pola Xunta de Galicia que busca persoas e familias dispostas a convivir temporalmente con adolescentes que, por resolución xudicial, teñen que convivir con outro grupo familiar distinto ao seu . A proposta vai máis alá dunha alternativa residencial: aposta por xerar contornas de convivencia estables, próximas e normalizadas nun momento especialmente delicado da vida destes mozos e mozas.

O obxectivo é claro: que a experiencia de vivir nun fogar se converta nun espazo real de aprendizaxe vital, capaz de marcar un antes e un despois na súa traxectoria. Este entorno de socialización positivo, aportado polas familias/persoas acolledoras, aporta novos referentes e oportunidade de xerar novos vínculos e aprendizaxes.

Para facelo posible, o programa garante ás persoas e familias participantes:

    • Formación e valoración previa.

    • Acompañamento continuo por parte dun equipo profesional especializado.

    • Compensación económica que facilita asumir este compromiso temporal.

Dende o Concello de Baiona valoraron positivamente a iniciativa, destacando a importancia de implicar á comunidade na resposta á adolescencia en situación de conflito social.

Un chamamento necesario

Arela fai un chamamento a persoas con sensibilidade social, estabilidade e disposición para implicarse nunha experiencia que, aínda sendo temporal, pode ter un impacto profundo. Porque ás veces non fai falta cambiar todo: abonda con ofrecer un fogar no momento axeitado.

Para contactar co programa e solicitar máis información pódese enviar correo a convive@arela.org ou chamar ó teléfono 604038672

*A Asociación ARELA ten como misión o desenvolvemento integral da infancia e da mocidade de Galicia, en risco de exclusión, en situación de desprotección ou en conflito social, fomentando iniciativas de intervención e prevención nestas situacións, de calidade e normalizadoras, cun compromiso continuo pola xustiza social, a través da implicación das persoas que a constitúen. Na actualidade contan con 10 centros do sistema de protección e sistema de conflito penal xuvenil.

Comparte este artigo