A iniciativa impulsada polos hostaleiros da Praza Maior coa colaboración do Concello arranca este martes 16 coa actuación de Tony’s Pianno
A Praza Maior de Ponteareas encherase de música en directo todos os martes deste verán ata finais de setembro grazas a “aPraza, o teu plan dos martes”, unha iniciativa promovida polos hostaleiros da Praza Maior coa colaboración do Concello de Ponteareas.
O ciclo dará comezo mañá martes, 16 de xuño, ás 21:00 horas, coa actuación de Tony’s Pianno, un dúo formado pola voz de Toño López e o piano de Monano, con clásicos do pop e o soul reinventados en versións íntimas con aires de bossanova.
Esta será a primeira cita dunha programación que busca dinamizar o centro urbano, apoiar a actividade hostaleira e ofrecer alternativas de lecer para veciñanza e visitantes durante os meses de verán.
O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, destacou que “esta iniciativa demostra a importancia da colaboración entre o tecido empresarial e o Concello para crear actividades que dean vida ás rúas e ás prazas. A música en directo é unha excelente ferramenta para dinamizar o comercio e a hostalaría e para converter a Praza Maior nun espazo de encontro e convivencia”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, animou á cidadanía a participar nesta proposta e subliñou que “queremos unha Ponteareas viva, con actividade cultural e social durante todo o ano. ‘aPraza’ é un exemplo perfecto de como a colaboración permite ofrecer novas experiencias e contribuír ao dinamismo económico e social do municipio”.
O Concello invita á veciñanza a desfrutar deste novo ciclo musical que converterá cada martes de verán nunha cita coa música en directo de todos os estilos (pop, rock, flok, etc) no corazón de Ponteareas.

