Lores asegura que Pontevedra “non ten teito” e chama á cidade a “ir a por todas e a seguir sempre un paso por diante” da man do BNG

Redacción

O Bloque abre a súa carreira para revalidar a Alcaldía cun acto oficial de presentación da candidatura o vindeiro xoves 28 no Auditorio Afundación
“Queremos dar un novo salto adiante, porque non está todo feito. Pontevedra non ten teito e podemos sempre ir un paso por diante como fixemos até agora”. Con esas palabras, pedindo o apoio maioritario da veciñanza ao BNG, Miguel Anxo Fernández Lores abriu hoxe a súa carreira cara a revalidar a Alcaldía. Asegurou que se Pontevedra confía no modelo BNG no seguinte mandato “a realidade vai ser máis calidade de vida en absolutamente todos os recunchos do concello”.

O candidato do BNG explicou que o lema da campaña do BNG cara as municipais é ‘A por todas Pontevedra’, unha proposta que busca implicar á veciñanza na nova etapa de goberno. Lores lembrou que hai catro anos anunciara un proxecto a unha década vista e destacou que neste mandato estase a facer o traballo “máis duro, máis complexo, máis complicado e máis escuro” para recoller no futuro “os froitos cunha colleita excepcional que nunca tivo Pontevedra”.

Como iniciativas destacadas, Lores mencionou que a vila do Lérez foi durante dous anos a cidade dos Feroz e de concertos internacionais e salientou que neste mesmo mes vai acoller a Copa do Mundo de Natación Artística e en setembro, por segunda vez, recibirá as Series Mundiais de Triatlón. Subliñou actuacións en marcha como a renaturalización do Gafos, o parque da Parda, e as melloras nos barrios de Monte Porreiro, A Parda, Mollavao, A Seca e outros. Lembrou tamén as propostas para desenvolver a avenida de Compostela, integrar o barrio do Burgo no campus e outros proxectos medioambientais e no rural, que xunto á loita contra o cambio climático e á recuperación da ría coa marcha de Ence, van seguir sendo eixos de goberno no vindeiro mandato.
“A realidade vai ser máis calidade de vida en absolutamente todos os recunchos do concello, moito máis dinamismo económico e máis calidade de vida”, destacou, subliñando que Pontevedra é unha cidade que medra cun modelo desexado internacionalmente. “Creo que nos queda por visitar Oceanía porque todo o mundo quere coñecer como fixemos este proxecto entre todas”, bromeou. Lores sinalou que o modelo de cidade sempre foi un proxecto colectivo posible porque “moitísima xente nos apoiou -ao BNG- ao longo dos anos, e queremos transmitir a Pontevedra que queremos ir a por todas, con moitísima ilusión, contando co seu apoio, (…) porque estamos no camiño correcto”.

O alcaldable indicou que o resto de persoas integrantes da lista nacionalista está aínda por decidir.
Adiantou que haberá renovacións e asegurou tamén que lle gustaría contar co “coñecemento senior” de Raimundo González Carballo e César Mosquera “porque non sería bo para Pontevedra desaproveitalo”. Por último, Fernández Lores fixo unha chamada a asistir ao acto oficial de presentación da candidatura do BNG o vindeiro xoves 28 de maio no Auditorio Afundación. Fernández Lores compareceu hoxe presentado como candidato pola responsable local do BNG Sabela Bará, quen subliñou que o cabeza de lista foi escollido pola Asemblea Local do Bloque “por unanimidade e aclamación” a semana pasada.

A nacionalista gabouse que Lores representa para o BNG “o orgullo dun proxecto colectivo”: “Pontevedra é hoxe o mellor escaparate do que o nacionalismo galego é capaz de facer dende as institucións: transformar a realidade para mellorar a vida das persoas. Que Miguel siga á fronte deste proxecto é a mellor noticia que podía dar, porque el é quen lidera un proxecto que é gañador, un proxecto que pon en marcha un modelo que funciona e que, ademais, esperta ilusión e respecto, non só aquí, senón que tamén é admirado en todo o mundo”, defendeu.

Fixo fincapé en que, “en definitiva, Lores é a garantía de que Pontevedra seguirá sendo unha cidade de vangarda para seguir liderando esa transformación social e urbana que nos fixo referentes, pero tamén para seguir construíndo unha Galiza mellor dende os concellos”.

Comparte este artigo