O candidato do BNG asegura que os vindeiros anos van ser “os da gran colleita”
Estabilidade, experiencia e convicción. Con estas tres características dos seus mandatos anteriores por diante, Miguel Anxo Fernández Lores chamou hoxe a Pontevedra a “seguir soñando” e avanzar cara unha nova gran transformación da vila do Lérez da súa man como alcalde. O candidato do BNG asegurou que o concello aínda non tocou o seu teito e debe escribir un novo capítulo consolidándose como un referente de vangarda. “Temos proxectos preparados. Temos experiencia.
Temos credibilidade. Temos un modelo recoñecido internacionalmente. Pero sobre todo temos algo fundamental: Temos unha sociedade valente”, subliñou, convencido de que “os vindeiros anos van ser os da gran colleita”.
Lores fixo unha chamada ao futuro. Subliñou que Pontevedra debe manter a ambición e destacou que o BNG está a abrir unha nova etapa que na que van chegar os mellores resultados na transformación urbana e os equipamentos, na consolidación económica, a defensa do comercio, a mellora da mobilidade, a cultura, do deporte, a innovación e a creatividade.
Lembrou as actuacións en marcha en Mollavao, O Burgo, A Parda, Monteporreiro, Corvaceiras, Valedorvos, A Seca, San Amaro, en cada punto da cidade, e especialmente nas parroquias e o rural, que asegurou, se vai converter “nun auténtico verxel”. “O que fixemos até o de agora é demostrar que outro modelo de cidade era posible. Hoxe toca dar un salto adiante”, subliñou.
O candidato a revalidar a Alcaldía destacou que o obxectivo ambicioso de seguir mellorando require un ingrediente básico, a solvencia no goberno, con estabilidade, experiencia e convicción. Fixo fincapé en que hai momentos históricos nos que unha cidade ten que decidir se segue a avanzar un paso por diante “ou se corre o risco de dar un paso atrás”. Ante iso, advertiu que “agora non é tempo de experimentos. Agora é tempo de certezas. Agora é tempo de confiar en quen xa demostrou que sabe levar este barco aos mellores portos do mundo”.
Por todo iso, ante o Auditorio Afundación, Lores pediu con ilusión non só a confianza da veciñanza nas vindeiras eleccións municipais de 2027, senón “algo máis importante”: “Pídovos que sigamos soñando. Pídovos que non nos poñamos límites”. Destacou que o que Pontevedra se xoga realmente é defender unha idea de cidade que se converteu nun exemplo internacional sen deixar de ser nunha ela mesma, devolvéndolle o espazo público ás persoas.
“Hoxe xa ninguén discute que aquela revolución tranquila tiña sentido. Porque Pontevedra demostrou algo moi importante: que unha cidade máis humana tamén é unha cidade máis forte”.
Asegurou que a vila medra, atrae actividade, talento, visitantes e proxectos grazas a que ten personalidade propia, conseguindo máis dinamismo económico que moitas cidades da contorna e ofrecendo máis postos de traballo que persoas hai a traballar na propia cidade.
“Os datos desmontan o discurso de que Pontevedra está ben para vivir pero non para traballar. As cidades con mellor calidade de vida son tamén as cidades con máis futuro. E mentres outros defendían modelos do pasado, nós tivemos a valentía de pensar no século XXI. Pontevedra soubo anticiparse”, abondou.
Amais, Lores tamén aproveitou para asegurar que o BNG vai seguir esixindo o que a Pontevedra lle corresponde “con firmeza e dignidade” ante o goberno central, a Deputación ou a Xunta. Subliñou que Madrid esqueceuse demasiadas veces de Pontevedra, que o goberno provincial vive o peor momento de colaboración institucional co Concello dende hai décadas -conxelando investimentos e freando proxectos-, e que o executivo galego acertou só cando fixo caso ás reivindicacións municipais. “Non van conseguir deter esta cidade, porque Pontevedra aprendeu algo fundamental: que non pode agardar a que outros lle regalen o futuro”, zanxou.
Solvencia
A nacionalista Eva Vilaverde foi a encargada de abrir o acto, no que tamén participou a voceira nacional Ana Pontón. A pontevedresa insistiu na idea de darlle un novo impulso a Pontevedra cun Fernández Lores “con máis ambición, máis ideas, máis solucións e máis empuxe ca nunca” e foi a encargada de, con nomes e apelidos, contrapoñer o solvente proxecto nacionalista fronte á inutilidade política de Rafa Domínguez, o candidato do PP.
Vilaverde destacou que “nestes tempos nos que a corrupción salta por todos lados”, o BNG e Lores gobernan Pontevedra con total honradez. Subliñou que a pesares de que o goberno local é dos máis investigados do Estado, nunca atoparon “nin atoparán” ningún tipo de irregularidade. Tamén salientou o traballo nacionalista centrado na equidade e a desaparición das desigualdades, investindo máis no rural que no urbano e nos barrios en peor situación para igualar as condicións de vida. Lembrou que o Bloque incorporou a perspectiva feminista na acción de goberno, nomeadamente no urbanismo e no deseño urbano, creando un modelo dos máis laureados do mundo.
Todo isto, dixo a voceira, distingue ao BNG das demais candidaturas, das que se amosou convencida de que non terán proxecto propio: “Porque mentes o mundo mira e admira Pontevedra. Eles non cren nela. Intentan copiar calquera solución allea porque pensan que o de fóra é mellor”.
En concreto, Vilaverde aproveitou o ‘ruxe ruxe’ de que Domínguez “é un inútil politicamente”. Destacou que o ‘popular’ sabe poñerse nas fotos, culpa a Lores todos os males, paraliza todo canto toca e é un mestre en liala e confrontar con todo o mundo. Subliñou que esas “habilidades” non valen para gobernar Pontevedra, pois a cidade “merece un alcalde con proxecto ambicioso e solvente e que saiba executalo e levalo adiante. E para iso temos a Lores: que ten ambición, proxecto e demostrou sobradamente que sabe levalo adiante”.

