O Espazo Isaura Gómez acolle as dúas primeiras propostas dunha programación que busca achegar a literatura a todos os públicos
Será con BieitoSolo e a viaxe sonora ‘Dos libros ao cine e as súas bandas sonoras’ o venres 8 e con Samuel Moreno e ‘A maxia das letras’ o sábado 9. De balde
Tomiño saca as historias das páxinas para convertelas en música, imaxes e ilusión durante todo maio, mes das Letras Galegas. O Concello prepara unha ampla programación para achegar a literatura a todos os públicos que arrancará esta fin de semana con dúas citas no Espazo Isaura Gómez que convidan a vivir a literatura desde novas perspectivas, combinando arte, emoción e participación.
O venres 8 de maio ás 20.00 horas, BieitoSolo presentará ‘Dos libros ao cine e as súas bandas sonoras’, un espectáculo que propón unha viaxe sonora a través de melodías inesquecibles de películas inspiradas en grandes obras literarias. Durante o concerto, o público poderá escoitar en directo pezas tan recoñecidas como as de O Mago de Oz, O padriño ou As pontes de Madison, mentres se proxectan escenas dos filmes, creando unha experiencia inmersiva onde se entrelazan literatura, cine, música e lembranzas. Con entrada de balde.
A programación continuará o sábado 9 cunha proposta para toda a familia. O mago tomiñés Samuel Moreno, coñecido pola súa participación en Got Talent, traerá ao escenario ‘A maxia das letras’, un espectáculo que combina humor, tecnoloxía e ilusión para achegar ao público infantil e familiar ás figuras da literatura galega. A través de xogos e referencias a autores homenaxeados noutras edicións, a maxia convértese nunha ferramenta didáctica e divertida para espertar o interese pola lectura.
Ademais, a fin de semana incluirá unha actividade moi especial pensada para a cativada: unha festa de pixamas de peluches na biblioteca municipal. Os nenos e nenas poderán deixar alí os seus peluches, que pasarán a noite “lendo” e explorando a biblioteca. Ao recollelos, recibirán unha carta contando a súa experiencia e poderán levar en préstamo o libro escollido polo seu compañeiro de aventuras.
Sandra González, alcaldesa de Tomiño, destacou o carácter innovador desta programación deseñada para chegar a todos os públicos. “Queremos celebrar o mes das Letras abrindo novas portas á lectura, facendo que as historias se vivan, se escoiten e se sintan. Cando combinamos disciplinas e pensamos tamén na nosa rapazada, conseguimos que a cultura sexa algo accesible, próximo e emocionante”, recalcou. A rexedora convidou á veciñanza a sumarse a estas e a todas as propostas deste mes “para participar e desfrutar de actividades pensadas para compartir, aprender e deixarse levar pola maxia das palabras”.

