MÁIS DE 1.200 COMENSAIS DESAFÍAN A CHOIVA E CONSOLIDAN LAEROS COMO O FESTIVAL DA ARTE RUPESTRE DE GALICIA
O Xantar Rupestre volveu converter o parque arqueolóxico nun gran espazo de encontro arredor do patrimonio, a gastronomía e a convivencia.
O alcalde Carlos Costa destaca que “nin a choiva puido frear unha celebración que medra ano tras ano e que converte Campo Lameiro no gran referente da arte rupestre de Galicia”.
Máis de 1.200 comensais desafiaron a choiva e participaron nunha nova edición de Laeros, Festival da Arte Rupestre, convertendo unha vez máis O Campo Lameiro no epicentro galego da divulgación, celebración e posta en valor dun dos principais sinais de identidade histórica e cultural do municipio.
A elevada participación rexistrada no Xantar Rupestre, malia as condicións meteorolóxicas adversas, confirma o enorme poder de convocatoria adquirido por unha celebración que medra edición tras edición e que se consolida definitivamente como o Festival da Arte Rupestre de Galicia, combinando patrimonio, cultura, gastronomía, tradición e convivencia veciñal nun escenario único como é a contorna do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre.
O gran Xantar Rupestre, protagonizado polos costillares de tenreira preparados por membros da Asociación Costillar A Estaca de San Clemente, volveu ser un dos momentos centrais da xornada e reuniu arredor das mesas a máis de 1.200 persoas, que non dubidaron en facer fronte á choiva para participar nunha das citas máis singulares do calendario festivo e cultural galego.
A resposta do público permitiu superar novamente as expectativas e confirmou a evolución ascendente de Laeros, que continúa incrementando a súa capacidade de convocatoria e reforzando o seu carácter de evento de referencia máis alá do propio municipio.
O alcalde do Campo Lameiro, Carlos Costa, exerceu de anfitrión dunha xornada que contou cunha ampla representación institucional. Entre as autoridades asistentes estiveron a deputada autonómica Paula Prado; o alcalde de Cerdedo Cotobade e deputado provincial, Jorge Cubela; o director xeral de Agricultura, Gandaría e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o alcalde de Portas e deputado provincial, Ricardo Martínez; e o alcalde de Moraña, Sito Gómez. Tamén asistiron os xefes territoriais das consellerías de Educación, César Pérez Ares; Cultura, Isabel Couselo; e Medio Rural, Antonio Crespo, así como concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal e outras autoridades.
UNHA RESPOSTA MASIVA PESE Á CHOIVA
Carlos Costa destacou especialmente o comportamento e a resposta das máis de 1.200 persoas que decidiron participar na celebración malia a inestabilidade meteorolóxica. “Hoxe Campo Lameiro volveu demostrar que Laeros é moito máis ca unha festa. Máis de 1.200 persoas desafiaron a choiva para estar aquí, compartir mesa, gozar do noso patrimonio e participar dunha celebración que xa sentimos como propia. Esa é a mellor demostración da fortaleza que acadou este festival”, sinalou o alcalde.
Costa incidiu en que esta elevada participación “confirma que acertamos cando apostamos por crear arredor da nosa arte rupestre un gran evento popular, aberto, participativo e capaz de unir patrimonio, cultura, gastronomía e convivencia”.
Para o rexedor, o éxito desta edición cobra aínda maior importancia precisamente polas condicións meteorolóxicas. “Cando nun día de choiva máis de 1.200 persoas manteñen os seus plans e veñen a Campo Lameiro, significa que Laeros xa ten personalidade propia, que a xente o identifica e que existe unha fidelidade moi importante arredor desta cita”, apuntou.
O CAMPO LAMEIRO, CAPITAL GALEGA DA ARTE RUPESTRE
O Concello considera que a evolución experimentada polo festival reforza tamén a posición do Campo Lameiro como referente galego e internacional no estudo, conservación, divulgación e posta en valor da arte rupestre.
Laeros nace precisamente coa vontade de achegar este patrimonio á cidadanía desde unha perspectiva diferente, facendo que a arte rupestre transcenda o ámbito estritamente arqueolóxico e forme parte dunha experiencia colectiva na que se combinan divulgación, lecer, cultura, tradición e gastronomía.
AGRADECEMENTO Á VECIÑANZA
Finalmente, Carlos Costa agradeceu a resposta do público e especialmente a implicación das persoas, colectivos e entidades que colaboraron para facer posible unha nova edición do festival.
O alcalde quixo trasladar un recoñecemento especial aos asistentes polo seu comportamento ante a choiva: “Ver máis de 1.200 persoas aquí, mantendo viva a celebración malia o tempo, é emocionante e demostra ata que punto Laeros prendeu entre a xente”.
“Esta resposta dános forza para seguir traballando, para continuar mellorando o festival e para facer que O Campo Lameiro siga sendo cada ano, durante Laeros e durante todo o ano, a gran referencia da arte rupestre de Galicia”, concluíu Carlos Costa.

