- A cita reunirá a 60 equipos procedentes das catro provincias galegas, con idades comprendidas entre os 12 e os máis de 40 anos.
- O evento contará coa participación de tres equipos FIBA do circuíto oficial e despregará catro pistas simultáneas, trasladando os concursos de tiro e triples ao centro da vila, diante do Concello.
- Este sábado o Pavillón do Porriño acolle tamén o Campionato autonómico Show de patíns
O Porriño prepárase para vivir este sábado unha xornada histórica de deporte e cultura urbana coa celebración do Torneo 3×3 de Porriño Baloncesto Base. A vila converterase no epicentro do baloncesto galego cun éxito absoluto de convocatoria: un total de 60 equipos e máis de 240 deportistas inscritos que encherán de ritmo, intensidade e talento as rúas do municipio.
O torneo destaca polo seu carácter integrador e a súa gran proxección autonómica, atraendo a xogadores e xogadoras chegados desde as catro provincias de Galicia. Cunha vertente interxeracional única, a competición abranguerá categorías desde a base ata os veteranos, con idades que van desde os 12 ata os máis de 40 anos. O gran nivel deportivo está máis que garantido grazas á confirmación de tres equipos FIBA de alto nivel que forman parte do circuíto oficial e que elixiron O Porriño como parada estratéxica.
Ademais este ano, os gañadores da categoría Masculina Pro teñen acceso directo ao 3×3 do Festival O Marisquiño que se celebra en agosto. Só hai catro pases directos en toda España para participar nesta proba. E as gañadoras da categoría Sénior Feminina, teñen o pase directo ao 3X3 de Cangas.
Toda a competición da tarde vaise a transmitir polas redes sociais da organización e do Concello do Porriño.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, amosou o seu orgullo por acoller un evento desta magnitude e asegurou que “o noso municipio volve demostrar a súa enorme capacidade para organizar citas deportivas de primeiro nivel que dinamizan a vila e enchen de vida as nosas rúas”. O rexedor subliñou o compromiso total do Concello co deporte base e a cultura urbana, destacando que “este sábado imos vivir unha xornada inesquecible onde os valores do compañeirismo, o esforzo e a saúde serán os grandes protagonistas, consolidando ao Porriño como un referente deportivo en toda Galicia”
Catro pistas simuláneas
Para dar cabida ao intenso calendario de partidos, a organización despregará catro pistas de xogo simultáneas. A pista 2 do Pavillón Municipal acollerá dúas das canchas, mentres que o ambiente rueiro trasladarase ao exterior cunha pista situada nunha praza interna da rúa Pinar e a gran pista principal emprazada en San Sebastián.
Será precisamente nesta pista central de San Sebastián onde se concentre o momento cumio da xornada. Alí disputaranse as grandes finais das categorías U15, U17, Classic e Pro, asegurando un espectáculo visual e competitivo de primeiro nivel para todo o público asistente.
Concurso de tiro diante do Concello
Co obxectivo de facer partícipe a toda a cidadanía, o evento estenderase máis alá das pistas de competición. Durante todo o día, a praza situada diante do Concello albergará os espectaculares concursos de tiro e de triples. Esta actividade aberta promete converter o corazón do Porriño nunha auténtica festa do basket onde a música e o dinamismo urbano serán os grandes protagonistas.
Desde o Porriño Baloncesto Base convídase a todos os veciños, veciñas e afeccionados ao deporte de Galicia a achegarse este sábado para gozar dunha xornada vibrante, apoiar o talento dos nosos deportistas e vivir en directo a emoción do baloncesto 3×3 na súa máxima expresión.
A proba é posible grazas ao apoio da Xunta, a Diputación e o Concello, así como de diversos colaboradores locais.
Un sábado redondo para o deporte porriñés co Campionato Galego de Patinaxe
A xornada festiva e deportiva do sábado complementarase cunha gran cita sobre rodas. O Pavillón do Porriño (Pista 1) acollerá, a partir das 16:00 h, o Campionato Autonómico Show de Patíns. O espectáculo está máis que asegurado coa participación de 30 grupos de Show chegados de toda Galicia, entre os que destaca o anfitrión, o Club Patín Porriño, que competirá na categoría de grupos pequenos coa ilusión de deixar o pavillón no máis alto ante a súa afección.
Desde o Porriño Baloncesto Base convídase a todos os veciños, veciñas e afeccionados ao deporte a achegarse este sábado para gozar dunha xornada vibrante, apoiar o talento local e vivir en directo o mellor do baloncesto 3×3 e da patinaxe artística.

