HomePontevedraMáis dun cento de alumnos e alumnas de Bacharelato trasládanse ás PAU...

Máis dun cento de alumnos e alumnas de Bacharelato trasládanse ás PAU nos autobuses facilitados polo Concello

- Anuncio -spot_img

O Concello de Redondela puxo a disposición dos estudantes de bacharelato un servizo gratuíto de autobuses para trasladarse a Vigo ás PAU (Probas de Acceso á Universidade). Máis dun cento de alumnos e alumas dos institutos públicos IES Floriani, IES Mendiño e IES Chapela fan uso deste servizo para desprazarse ata a Universidade de Vigo nas xornadas nas que se realizan as probas de acceso á universidade. Os exames, que comezaron hoxe, terán unha duración de tres días e para facilitar o desprazamento até as instalacións do CUVI os dous autobuses, financiados polo Concello, recollen á rapazada nos propios institutos. A alcaldesa, Digna Rivas, desexa “moito éxito a todas e todos os estudantes que se presentan a estas probas” e espera que todos e todas obteñan “os mellores resultados posibles”.

Por terceiro ano consecutivo o Concello ofrece este servizo, de balde para as familias, atendendo unha proposta das ANPAS ao Consello Escolar Municipal. A alcaldesa sinala que, malia que o ensino e o transporte escolar é unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia “desde o Concello non dubidamos en acceder á petición, nunha aposta firme deste goberno local pola igualdade de oportunidades” conclúe Rivas.

Ao longo de todo o curso o Concello de Redondela ofrece tamén un servizo gratuito de taxi para que o alumnado de bacharelato das parroquias, que carece de transporte escolar, poida ir diariamente ao instituto. Para iso asinouse co sector do taxi un acordo “co que damos reposta á necesidade de ducias de alumnos e alumnas que residen nas parroquias e que non dispoñen de transporte escolar para desprazarse ao instituto”, sinala Rivas. A alcaldesa explica que o goberno local decidiu asumir este servizo “por responsabilidade, malia ser competencia exclusiva da Xunta de Galicia, ante a dificultade de moitas familias para levar aos seus fillos aos institutos”.

Publicacións Relacionadas