O Museo Torres foi escenario este luns do acto que engloba ás policías locais de Marín, Bueu, Cangas e Moaña, nun encontro de recoñecemento ao servizo público, á colaboración institucional e á proximidade coa cidadanía
O Museo Manuel Torres de Marín acolleu este luns, 25 de maio, ás 19.30 horas, o acto institucional conxunto polo Día da Policía Local de Galicia (conmemorado onte), organizado pola Policía Local de Marín pero que engloba aos corpos de seguridade local de todo o Morrazo, rotando cada edición entre os distintos municipios participantes. Nesta ocasión, Marín exerceu como sede anfitrioa.
O acto, que estivo conducido polo axente local Salvador Montes López, estivo presidido pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o xefe da Policía Local de Marín, Benigno Blanco Area (encargado do discurso de benvida), acompañados pola tenente alcalde de Bueu, Isabel Quintás, e as alcaldesas de Cangas e de Moaña, Araceli Gestido e Ledicia Santos.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, destacou que esta celebración “é unha oportunidade para recoñecer publicamente o traballo silencioso, constante e esencial que realizan as policías locais durante todo o ano, moi especialmente nun tempo no que a proximidade, a mediación e a capacidade de resposta inmediata son máis necesarias ca nunca”.
Ramallo subliñou tamén “a excelente coordinación existente entre os distintos corpos de seguridade do Morrazo e o exemplo de colaboración institucional que se constrúe día a día desde o respecto profesional e o compromiso compartido coa veciñanza”.
Durante o acto proxectouse un vídeo coas principais actuacións desenvolvidas polas policías locais da comarca e entregáronse varias distincións a profesionais e unidades destacadas pola súa traxectoria e colaboración.
Concretamente, homenaxeouse ao inspector da Policía Local de Moaña, Manuel García Fernández, pola súa recente xubilación; á Unidade UDA da Policía Local de Marín, pola súa colaboración coa Policía Nacional no esclarecemento de delitos; e ao capitán da Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, pola súa profesionalidade, cercanía e cooperación coa Policía Local marinense.

