Marín, pioneiro no apoio ao MMA cunha velada esta fin de semana e un Open e un Campionato en camiño

Redacción

A velada acollerá este sábado un total de 21 combates e reafirma a aposta pioneira de Marín para que haxa espazos de competición deste deporte para tamén as categorías infantís e junior. Participará Merche García, catro veces Campioa do Mundo Junior.

O Concello de Marín acolleu a presentación oficial do Galicia Fighting Championship Rías Baixas Marín, un evento de Artes Marciais Mistas (MMA) de primeiro nivel que reunirá un total de 21 combates, combinando o talento de deportistas consolidados de ámbito nacional e internacional coa formación das novas promesas da disciplina.

A velada, organizada co apoio da Federación Galega de Loita e a Federación Española, divídese en dous bloques principais. A partir das 17:00 horas terá lugar a competición das categorías infantís e xuvenís, deseñada especificamente para que os máis novos forxen a súa experiencia deportiva e perdan o medo escénico nun contorno seguro e altamente regulamentado.

Máis tarde, ás 20:00 horas, dará comezo o prato forte do evento cos combates da categoría de adultos, onde se darán cita loitadores de alto nivel.
Entre os nomes máis destacados da xornada figura Merche García, catro veces campioa do mundo, posicionándose como unha das futuras figuras con proxección cara á UFC.

Aposta pioneira pola base e a regularización federativa

O concelleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba, destacou o orgullo do municipio por encabezar este movemento no panorama deportivo estatal: “Marín é o primeiro sitio de toda España que apoia de xeito decidido celebrar competicións oficiais en categorías infantís co aval directo da Federación Española”.

Ademais, este será “só o comezo”. Xa que, tal e como adianta o concelleiro, “dentro de só un mes acolleremos o Open de España e no mes de abril celebraremos o Campionato de España”.

Pola súa banda, Fabián Thibaut, membro da Federación Galega de Loita, seleccionador do combinado xuvenil e representante do Club de Loita Morrazo, explicou o traballo de protección e regulamento que se aplica nestas competicións de base:
“Nas categorías infantís existe unha rigorosa normativa adaptada á idade. O noso obxectivo é formar aos nenos e nenas, darlles táboas e forxar aos nosos árbitros para que os deportistas cheguen ás categorías junior e senior coa máxima preparation e sen ese medo escénico ao tapiz.”

Thibaut lembrou ademais que o MMA é unha das disciplinas máis completas e integradoras —que conxuga técnicas de boxeo, xudo, loita, taekwondo e kickboxing— e que actualmente vive un auxe entre os máis novos.

DATOS DE INTERESE DO EVENTO
● Evento: Galicia Fighting Championship Rías Baixas Marín.
● Lugar: Pavillón do SEI San Narciso
● Número de combates: 21 combates (categorías infantís, xuvenís e adultos).
● Horarios:
○ 17:00h: Categorías infantís e de formación.
○ 20:00h: Velada principal e categoría de adultos.
● Próximas citas no calendario:
○ Open de España: Dentro de 1 mes (en Marín).
○ Campionato de España: En abril (en Marín).
● Venda de entradas: nemoentradas.com

Comparte este artigo