Soutomaior presenta o III Mercado de Oportunidades e de Segunda Man de Inverno, Nadal 2026

Redacción

Este mercado desenvolverase o día 6 decembro na Praza de Talo Río (Arcade) en horario de 16:30 a 20:00h. O prazo de presentación de solicitudes para formar parte deste mercado será do xoves 26 de novembro ata o mércores 3 de decembro a través da sede electrónica.

O Concello de Soutomaior presentou o III Mercado de Oportunidades e de Segunda Man de Inverno, Nadal 2026, unha iniciativa que busca dinamizar o comercio local, ofrecer un escaparate para os produtos de proximidade e promover o consumo responsable.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a importancia desta iniciativa para apoiar o tecido comercial e crear novas oportunidades: «Queremos que este mercado sexa un escaparate para os nosos comercios, artesáns e particulares, un espazo no que poidan dar a coñecer os seus produtos e chegar a novos clientes. Ao mesmo tempo, queremos que a veciñanza desfrute dunha xornada diferente, de encontro e ambiente de Nadal ».

O mercado está aberto á participación de comercios locais, artesáns e persoas particulares que desexen poñer á venda produtos de segunda man e darlles unha nova vida. Neste sentido, a concelleira de Comercio e Hostalería, Rosana Comesaña subliñou tamén o valor ambiental da proposta: «Apostamos pola economía circular e pola sustentabilidade, demostrando que moitos produtos doutras tempadas ou de segunda man poden converterse nunha nova oportunidade. Reutilizar tamén é consumir de maneira responsable».

A participación será totalmente gratuíta e o Concello porá á disposición das persoas participantes mesas para a exposición dos produtos.

Inscricións abertas do 26 de novembro ao 3 de decembro

As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica municipal, mediante instancia xeral, https://soutomaior.sedelectronica.es/info.0 achegando o Anexo I (solicitude de participación) e o DNI da persoa representante.

Con esta terceira edición, Soutomaior continúa apostando polo comercio de proximidade, a dinamización económica e iniciativas que combinan actividade comercial, convivencia e respecto polo medio ambiente.

Comparte este artigo