Alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Primaria participaron no Multiusos das Pozas nunha actividade cultural con Uxía e Malvela
O domingo 17 de maio Torroso acollerá a “Ruada, canta e toca a Begoña Caamaño” con música tradicional, baile e a proxección do videoclip dedicado á escritora
O Concello de Mos celebrou esta mañá no Multiusos das Pozas a actividade “Homenaxe a Begoña Caamaño. Presentación de ‘Begoñísima’”, unha proposta dirixida ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria dentro da programación municipal das Letras Galegas 2026.
A iniciativa permitiu achegar ás novas xeracións a figura da escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño, homenaxeada este ano polas Letras Galegas, a través dunha actividade que combinou literatura, música e divulgación cultural.
Durante a xornada, os escolares coñeceron a traxectoria vital e literaria da autora de obras como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, así como a súa contribución á literatura galega contemporánea e ao xornalismo cultural en Galicia. A súa obra destacou tamén pola incorporación dunha mirada feminina e contemporánea á narrativa galega.
Un dos momentos centrais do acto foi a presentación do videoclip “Begoñísima”, interpretado por Uxía e Malvela -que estiveron acompañados no acto por Sabela Dacal e Rafa Otero-, unha peza musical creada arredor da memoria e da figura de Begoña Caamaño e incluída no Libro-CD “Indómitas: Nove ondas a Begoña Caamaño”.
Uxía e as compoñentes de Malvela compartiron co alumnado o significado da canción, o proceso creativo da peza e a importancia de seguir transmitindo referentes culturais galegos ás novas xeracións a través da música e da cultura.
Como peche final, alumnos de 5º de Primaria do CEIP Petelos acompañaron a Uxía e a Malvela na interpretación da canción “Begoñísima”, unha emotiva actuación que puxo a bailar e a cantar a todo o auditorio.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradeceu a participación das artistas nesta actividade “por contribuír a achegar a cultura galega aos máis novos dun xeito próximo, dinámico e emocionante”.
Arévalo destacou ademais “a importancia de seguir impulsando iniciativas educativas que permitan que os nenos e nenas coñezan, valoren e sintan como propia a nosa lingua e o noso patrimonio cultural”.
A programación municipal das Letras Galegas continúa co desenvolvemento do programa educativo “As nosas tradicións”, unha iniciativa orientada á difusión da música e do baile tradicional galego entre o alumnado de Primeiro de Primaria dos centros educativos do municipio, da man de profesorado vinculado á Escola de Música.
Como peche da programación, o domingo 17 de maio ás 11:30 horas o Centro Dotacional de Torroso acollerá o acto “Ruada, canta e toca a Begoña Caamaño”, organizado polo Centro Recreativo e Cultural de Torroso e o Concello de Mos.
A xornada reunirá música tradicional, canto popular e baile nunha homenaxe colectiva arredor da figura da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026. No encontro participarán Ruada Folk, o Coro Setestrelo, as Cantareiras de Sobreira e o Grupo de Baile Ruada, que ofrecerán distintas actuacións ao longo da mañá.
Durante o evento proxectarase tamén o videoclip “Begoñísima”, coa presenza de Malvela, incorporando á celebración esta homenaxe audiovisual creada arredor da figura de Begoña Caamaño.
O Concello de Mos destaca que esta programación busca converter as Letras Galegas “nunha celebración participativa da nosa lingua e da nosa cultura”, fomentando o coñecemento das tradicións galegas e a transmisión do patrimonio cultural entre xeracións.

