O Concello de Mos celebra o sábado 15 de novembro, ás 17:00 horas no Pazo de Mos, o acto de presentación da proposta ou propostas gañadora ou gañadoras dos Orzamentos Participativos “Mos Decide 2026”.
Durante o evento daranse a coñecer as iniciativas máis votadas pola veciñanza e haberá unha conferencia sobre o valor da participación cidadá na construción dun Concello máis aberto e colaborativo, a cargo de Pedro Puy Fraga, doutor en Dereito e profesor titular de Facenda Pública na Universidade de Santiago de Compostela.
Trala fase de análise e valoración técnica, foron declaradas válidas 674 propostas, das cales se agruparon en 115 diferentes, e finalmente 11 iniciativas resultaron aprobadas para pasar á fase de votación cidadá.
O proceso conta cunha partida total de 200.000 euros, que se destinará ás propostas que obteñan o maior número de apoios ata acadar a citada contía.
Fase de votación aberta ata o 14 de novembro
As veciñas e veciños maiores de 16 anos e empadroados en Mos poden participar escollendo ata tres propostas entre as finalistas.
A votación é telemática, dispoñible a través da web municipal www.mos.es, e tamén de xeito asistido nos seguintes puntos municipais: Casa do Concello, Biblioteca Pública Municipal María Magdalena, Centro de Desenvolvemento Local (CDL) e Piscina Municipal. O horario de votación é de mañá en todos os puntos e tamén pola tarde na Biblioteca e na Piscina Municipal.
Propostas finalistas de “Mos Decide”
1. Mellora no campo de fútbol de Louredo: Mellora integral do campo de fútbol municipal. (200.000 €)
2. Aparcamento público na contorna do Pazo de Mos, Parque de A Pesqueira e Paseo do Louro: Creación dun espazo de aparcamento público nunha zona de gran afluencia. (200.000 €)
3. Mellora da seguridade e humanización dende a Capela San Amaro ata Arrubial: Humanización e mellora da seguridade viaria e peonil. (200.000 €)
4. Iluminación do Paseo do Louro: Instalación de puntos de luz de carga solar con sensor de movemento. (100.000 €)
5. Parque canino: Creación dun recinto pechado para cans en contorna urbana. (100.000 €)
6. Cubrición da pista de pádel municipal: Instalación de cuberta para uso todo o ano. (40.000 €)
7. Mellora da contorna da Igrexa de Guizán: Reposición e reparación das lousas de pedra do adro da igrexa, mellora de accesos e accesibilidade. (200.000 €)
8. Acondicionamento do exterior do Local de San Franco: Mellora da parcela exterior do local. (120.000 €)
9. 1ª fase do proxecto Costoias (Tameiga): Primeira fase dun novo local no parque de Costoias. (200.000 €)
10. Mellora do torreiro exterior da Igrexa de Cela: Acondicionamento e mellora do espazo exterior. (200.000 €)
11. Compra de terreos e consolidación do Castro de Torroso: Adquisición de terreos e consolidación dos xa adquiridos polo Concello. (80.000 €)
O Concello de Mos anima á veciñanza a participar neste encontro de cidadanía activa, que supón un fito histórico no proceso de elaboración dos orzamentos.



