Mos recolle a certificación Festa Sostible de Galicia Suroeste para a súa Festa da Empanada de Millo

Redacción

A Festa da Empanada de Millo de Mos recolleu a certificación Festa Sostible de Galicia Suroeste nun acto celebrado no Centro Social La Liga de Amigos do Rosal, no que se recoñeceu o compromiso das festas gastronómicas do territorio coa sustentabilidade e a implantación de boas prácticas ambientais. 

O evento, organizado para outorgar o recoñecemento do programa Festa Sostible de Galicia Suroeste 2025, reuniu representantes institucionais, comisións organizadoras e equipo técnico vinculado ao desenvolvemento do programa, nun encontro no que se recoñeceu o traballo realizado polas festas adheridas e o seu compromiso coa implantación de boas prácticas ambientais.

A certificación recoñece o traballo realizado pola organización da exaltación da Empanada de Millo, que se celebra dentro da programación da Festa da Rosa, promovida polas Mulleres Rurais, pola incorporación de medidas destinadas á redución do impacto ambiental da celebración, especialmente no ámbito da prevención e xestión de residuos, o uso eficiente dos recursos e a promoción de produtos locais e de proximidade.

Ao acto de recollida da certificación asistiron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro Leo Costas. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, sinala que “queda un mes para a seguinte edición da Festa da Rosa, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, que este ano dará un salto máis e, ademais da exaltación da empanada de millo, engadimos a exaltación do viño rosado de Galicia, incorporando esta proposta a unha programación que continúa medrando e consolidándose como referente gastronómico e turístico”.

Acadaron a certificación Festa Sostible de Galicia Suroeste a Festa da Lagosta e a Cociña Mariñeira de A Guarda; a Festa da Chanfaina e a Carne do Suído de Fornelos de Montes; a Festa do Xurelo Asado de Chaín en Gondomar, a Festa do Viño do Rosal; a Festa da Carne de Potro de Torroña en Oia; a Festa do Choco de Redondela; a Festa da Ostra de Arcade en Soutomaior; o Entroido de Goián en Tomiño; a Festa da Cacheira en Pazos de Borbén, o Encontro de Viños da Raia de Tui, e a Festa da Arribada de Baiona, que obtivo a distinción na edición celebrada este mesmo ano.

As festas que revalidaron o seu distintivo por segundo ano consecutivo, e que ademais de manter os compromisos asumidos na primeira edición do programa, incorporaron novas accións para mellorar aínda máis a súa sustentabilidade foron a Festa dos Ovos Fritos con Chourizo de Parada en Nigrán e a Festa dos Callos do Porriño.

Ao longo do acto destacouse que o programa permitiu avanzar na incorporación de medidas concretas adaptadas á realidade das festas gastronómicas do territorio, favorecendo cambios prácticos na organización dos eventos e xerando unha dinámica de mellora continua.

Tamén se puxo en valor o papel das comisións e asociacións organizadoras, cuxo esforzo foi clave para integrar criterios ambientais en celebracións con gran arraigamento social e cultural, demostrando que tradición e sustentabilidade poden avanzar da man.

Co acto celebrado no Rosal, o programa reforzou o seu papel como instrumento para impulsar un cambio real na organización de eventos no territorio, promovendo unha cultura baseada na responsabilidade, no coidado do entorno e na mellora ambiental das festas.

Durante a xornada interviñeron a alcaldesa do Rosal e Representante Institucional de Galicia Suroeste, Ánxela Fernández Callís, e a Presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Estiveron acompañadas dos e das rexedoras dos concellos que forman parte de Galicia Suroeste Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos;  Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén; Manu Lorenzo, alcalde de Soutomaior; Paco Ferreira, alcalde de Gondomar; Cristina Correa, alcaldesa de Oia así como concelleiros e concelleiras dos concellos de Galicia Suroeste..

Por parte da Xunta de Galicia, asistiu o delegado provincial, Agustín Reguera Ocampo.

O programa Festa Sostible de Galicia Suroeste desenvólvese no marco PSTD A Despensa de Galicia, financiado con fondos NEXT GENERATION-UE.

Comparte este artigo