Instalouse esta mañá no IES de Mos e, tras o do Instituto, colocaranse nos 5 CEIPs mosenses
A Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Judith Fernández Novoa, achegouse persoalmente hoxe ata Mos para entregar o primeiro dos 6 buzóns laranxas que se instalarán nos centros educativos do municipio.
Fernández Novoa estivo acompañada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Educación, Mocidade e Participación Cidadá, Julia Loureiro, membros da ANPA do Instituto e persoal docente e directivo do centro.
A colocación realizada esta mañá na localidade mosense forma parte dos 1.242 puntos laranxas contra o acoso escolar que a Xunta de Galicia instalará no cen por cen dos colexios e institutos galegos sostidos con fondos públicos. Trátase dunha iniciativa desenvolvida ao abeiro do Plan Integral contra estas condutas impulsado pola administración autonómica co fin de blindar que as contornas escolares sexan seguras, inclusivas e respectuosas e que os centros escolares conten cos recursos necesarios para poder previr, identificar e actuar ante estas situacións.
Durante a visita ao centro a rexedora mosense, Nidia Arévalo, reivindicou a “tolerancia cero” ante calquera conduta contraria á convivencia e reclamou a implicación do conxunto da sociedade “nesta tarefa que require do compromiso de todos e cada un de nós”.
Estes puntos laranxas contra o acoso escolar teñen un formato físico nas propias instalacións e outro virtual a través dos webs de cada un dos centros educativos. Ademais, contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles.
O seu funcionamento é como o dun buzón a través do cal o alumnado pode comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros.
Para xestionar este buzón, en cada centro educativo constitúese un equipo de actuación contra o acoso escolar integrado, entre outros, polo coordinador de benestar emocional e convivencia e a persoa orientadora do centro.
Deste xeito, o alumnado conta cun equipo de referencia ao que dirixirse en caso de que o precise. Ademais, no novo Protocolo educativo para a prevención, a detección e o tratamento do acoso e do ciberacoso escolar recentemente actualizado, establécese un procedemento de intervención ante os posibles casos que se coñezan por esta vía.
O plan da Xunta, que estará vixente ata o 2025, prevé tamén accións formativas específicas para os profesores, co fin de que poidan identificar a situacións de acoso con máis facilidade e teñan recursos para atender eses casos. O Goberno galego contará con profesionais do sector sanitario e da Administración de Xustiza para facilitar esa formación aos docentes. Ademais facilitarase formación específica á dirección dos centros, á inspección educativa, aos coordinadores de benestar e tamén aos titores. O plan prevé ademais estreitar a colaboración coas familias para previr o acoso e o ciberacoso. Unha das medidas previstas é a creación dunha canle dixital con información, contidos formativos e materiais para axudar á detección temperá deses casos. A canle dará información ás familias sobre os cambios que o acoso pode causar na conduta dos seus fillos. O proxecto tamén inclúe ao alumnado, ao que se facilitarán propostas educativas para fomentar a empatía, a solidariedade e a mellora das relacións interpersoais desde idades temperás. Esas propostas fomentarán a aceptación da diversidade e o respecto, ademais de darlles información que lles permita evitar situacións de risco.

