- O establecemento hostaleiro mantén a súa aposta pola cociña tradicional e os produtos de proximidade nesta nova etapa
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, continúa visitando os distintos negocios do municipio que abren as súas portas ou inician unha nova xerencia para coñecer de primeira man os proxectos que contribúen a dinamizar a economía local e fortalecer o tecido comercial e hostaleiro da vila.
Nesta ocasión visitou o restaurante Porto Guardés, situado na Rúa O Porto, 1, un establecemento emblemático da Guarda que comeza unha nova etapa baixo a xerencia de Santiago Napoleón Guevara Morales.
Con tan só 21 anos, Santiago asume este novo reto profesional con moita ilusión, responsabilidade e ganas de seguir ofrecendo un servizo de calidade á veciñanza e ás persoas visitantes. O novo xerente aposta por manter a esencia e a oferta culinaria do Porto Guardés, un restaurante recoñecido pola súa proposta gastronómica baseada na cociña tradicional e nos produtos de proximidade.
O Porto Guardés continúa así a súa traxectoria como un referente da hostalaría local, ofrecendo un espazo acolledor no que desfrutar da gastronomía nun entorno privilexiado xunto ao porto guardés.
Dende o Concello da Guarda queremos poñer en valor o compromiso das novas xeracións emprendedoras que apostan pola vila para desenvolver os seus proxectos profesionais, contribuíndo a manter vivo o tecido económico e hostaleiro do municipio.
Desexámoslle moita sorte a Santiago nesta nova etapa á fronte do Porto Guardés!

