O centro educativo nigranés cumpre 21 anos realizando esta experiencia co colexio Saint John´s
Esta semana coincidirán por vez primeira no municipio cos estudantes tamén de Mánchester en intercambio co CEIP Mallón e CPI Arquitecto Palacios
O alcalde de Nigrán, Juan González, particiou esta mañá na festa de benvida ao alumnado procedente de Manchester no CEIP Humberto Juanes, centro educativo que cumpre 21 anos de intercambio co Colexio Saint John´s, do distrito de Chorlton. O rexedor entregou cadanseu agasallo institucional aos 27 alumnos ingleses e os seus 3 profesores, ao tempo que lles desexou unha feliz estancia no municipio. Curiosamente, por vez primeira, esta semana coincidirán no municipio o alumnado tamén de Manchester pero de intercambio co CEIP Mallón e CPI Arquitecto Palacios
“O vínculo de Nigrán e Manchester é moi estreito grazas a estes intercambios tan activos e lonxevos no noso municipio, polo que buscamos o irmandamento co distrito de Chorlton para, máis adiante, facelo efectivo con toda a cidade de Manchester”, explica o alcalde, Juan González, quen hai dous anos viaxou a esta cidade inglesa e se entrevistou cos seus representantes políticos.
O CEIP Plurilingüe Humberto Juanes suma máis de 600 alumnos ingleses recibidos en Nigrán. O intercambio comezou sendo ‘só’ un contacto epistolar entre o alumnado de 5º e 6º e hoxe en día está xa instaurado no día a día do centro nigranés e inglés, sendo un selo de identidade en ambos casos.
“Nigrán é moi coñecido en Manchester grazas a estes intercambios que nos achegan culturalmente e que permiten establecer lazos de amizade para toda a vida, cada verán recibimos turistas ingleses por este motivo.”, subliña o alcalde, Juan González.

