● Alejandro Lorenzo volveu ter unha fin de semana intensa de cerimonias no municipio, onde destacou a orixinal chegada duns noivos a bordo dun camión e a emotiva renovación de votos dun matrimonio con seis décadas de historia en común
O Porriño sumou esta fin de semana oito novas publicacións de amor ao seu historial de cerimonias civís. O alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, volveu poñerse á fronte das celebracións para unir a oito parellas en diversos puntos da localidade, nunha demostración máis da intensa actividade nupcial que vive o concello desde que en 2022 se decidiu suprimir a taxa municipal de 100 euros por oficiar vodas.
E claro, con tantas vodas, sempre hai historias destacadas. A xornada do sábado deixou imaxes tan orixinais como a dunha das parellas protagonistas, que decidiu romper cos tópicos e facer a súa entrada triunfal á cerimonia a bordo dun camión, captando a atención de veciños e invitados. Con máis de medio millar de oficios feitos, non son poucas as anécdotas neste tempo, e o alcalde xa casou en lugares inusuais como no palco da música, pero este é o primeiro camión que traslada á noiva.
Non foi a única nota destacada dos últimos días, xa que a emoción acadou o seu punto máis alto coas Bodas de Diamante de Amante e Isabel. Tras 60 anos de matrimonio, a parella volveu renovar o seu compromiso nunha cerimonia moi especial oficiada polo rexedor, que exemplifica o crecente costume das renovacións de votos na vila. “Esta sí foi de record”, asegurou o rexedor, apuntando que “o verdadeiro amor non ten data de caducidade”. Tamén que “o amor non descansa nin nas fins de semana”. De feito son os días nos que se produce a maior cantidade de matrimonios civís no Porriño, aínda que é normal tamén oficiar unha voda un mércores ou un xoves.
A xornada con máis oficios foi a do sábado, coincidindo precisamente coa celebración da Feira do Pan. Catro dos enlaces celebráronse no Salón Nobre do Concello e cumpriron coa tradición de que os recén casados saian a saudar desde o balcón da casa consistorial. Ao coincidir coa programación da feira na rúa, a propia presentadora que guiaba as actividades non dubidou en ir relatando micro na man o número de vodas que se sucedían e felicitando publicamente aos contraíntes ante a veciñanza.
Desde que hai uns meses alcanzou a cifra das 500 vodas oficiadas desde o inicio do seu mandato, o rexedor porriñés segue a sumar ligazóns tanto no propio Concello como en fincas particulares, restaurantes ou no emblemático Templete de San Luis. Lorenzo mantén así a súa premisa de acompañar aos veciños de xeito totalmente gratuíto nun dos días máis importantes das súas vidas, xa sexa a bordo dun vehículo singular ou celebrando toda unha vida de amor compartido.
Vodas e natalidade
Ao tempo que aumentan as vodas na localidade, sigue sendo un dos poucos municpios da contorna que sigue crecendo en natalidade.

