- No seu discurso, o rexedor compartiu o éxito co persoal bibliotecario e destacou o impacto social de “Contos que curan”, unha iniciativa de biblioterapia infantil gratuíta e accesible
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recolleu hoxe no paraninfo da Universidade de Albacete o “Premio REBIUN ás boas prácticas en biblioteca”, outorgado á Biblioteca Municipal do Porriño polo seu innovador proxecto de biblioterapia infantil “Contos que curan”. No acto e sobre o escenario, estivo acompañado polos responsables deste proxecto, Albino Alonso e David Pérez.
Este prestixioso galardón de carácter único, concedido pola Red de Bibliotecas Universitarias y Científicas Españolas (REBIUN), está dotado con 3.000 euros e un diploma acreditativo. O seu obxectivo é recoñecer o mellor proxecto de boas prácticas levado a cabo por bibliotecas españolas non universitarias e organismos vinculados, poñendo o foco nesta ocasión no forte compromiso social e a calidade do servizo porriñés.
Un triunfo con nomes e apelidos
Durante a súa intervención ante as autoridades e o xurado de REBIUN, o alcalde asegurou que “este premio é froito do traballo dun gran equipo: Albino Alonso e David Pérez, xunto a todo o equipo da Biblioteca Municipal do Porriño” e agradeceu tanto a Rebium como a Baratz o apoio a este tipo de proxectos. Destacando “o seu traballo, a súa dedicación e o seu compromiso” e apuntando “que fan que O Porriño aposte polo futuro”.
O rexedor lembrou o “simbólico” momento no que se confirmou a noticia o pasado 23 de abril, Día do Libro. “Pilloume nas propias instalacións, rodeado de nenos e nenas que asistían, precisamente, a unha sesión de ‘Contos que curan’. Recibir este recoñecemento celebrando o poder da lectura foi a mellor recompensa posible ao esforzo de todo o persoal bibliotecario”.
Libros que protexen a saúde mental desde a infancia
O proxecto galardoado, “Contos que curan”, consiste nunha colección de boletíns temáticos publicados periodicamente tanto en formato físico coma dixital (en galego e castelán) para a súa descarga libre e gratuíta. A través do traballo de busca, selección e clasificación do persoal da biblioteca, fúndase un recurso documental aberto para que familias, colectivos educativos e profesionais da saúde dispoñan dunha guía práctica de “terapia con libros”.

