O alcalde, Roberto Carrero, visitou o Centro de Adestramento Personalizado ERGON na campaña de apoio aos novos establecementos da Guarda

Redacción
  • O novo espazo, situado na Rúa Ramón Sobrino, 1, aposta polo acompañamento individualizado, o traballo en grupos reducidos e a mellora do benestar das persoas usuarias
  • O centro combina adestramento, nutrición e fisioterapia cun enfoque personalizado e adaptado ás necesidades de cada persoa

O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, visitou as instalacións de ERGON, o novo espazo de adestramento personalizado centrado na saúde e o acompañamento integral situado na Rúa Ramón Sobrino nº 1. Na visita puido coñecer de primeira man este proxecto, continuando así coa campaña de promoción dos establecementos de nova apertura ou que estren xerencia na Guarda.

O alcalde reuniuse con Fabio Lima, graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e fundador de ERGON, quen lle explicou a filosofía e os servizos que ofrece o centro. Cunha traxectoria profesional vinculada ao adestramento deportivo, ao ámbito do deporte e á readaptación de lesións dende o ano 2016, Lima impulsou este proxecto coa intención de crear un espazo onde cada persoa reciba unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades.

En ERGON apostan por un método baseado no acompañamento profesional, o trato próximo e a personalización dos programas de traballo. Así, ofrecen sesións individuais e en grupos reducidos, favorecendo un seguimento continuo e unha atención de maior calidade.

Ademais do servizo de adestramento personalizado, ERGON conta co servizo de asesoramento nutricional, co obxectivo de proporcionar unha atención máis completa e integral. Nas próximas semanas tamén contará con servizo de fisioterapia, reforzando así a súa aposta por un modelo centrado na saúde, a prevención e a mellora da calidade de vida das persoas usuarias.

O centro de adestramento personalizado desenvolve a súa actividade de luns a venres e organiza os seus horarios de forma flexible, adaptándose ás necesidades e dispoñibilidade das persoas usuarias mediante programación personalizada e reserva de sesións a través de aplicación móbil.  

Durante o encontro, o alcalde destacou a importancia de iniciativas emprendedoras como esta, que contribúen á dinamización económica da vila e amplían a oferta de servizos especializados á disposición da veciñanza da Guarda e da comarca.     

Dende o Concello da Guarda desexámolle moitos éxitos nesta nova etapa profesional, confiando en que ERGON se consolide como un espazo de referencia no ámbito do adestramento personalizado e da promoción de hábitos de vida saudables.

Comparte este artigo