HomePontevedraPontevedraO alumnado de catro centros educativos descubrirá esta semana a biodiversidade urbana...

O alumnado de catro centros educativos descubrirá esta semana a biodiversidade urbana a través dos “Pasiños Verdes RedeVerde”

- Anuncio -spot_img

Pasiños Verdes RedeVerde achega aos escolares de Pontevedra á biodiversidade urbana e aos espazos naturais da cidade.
O proxecto RedeVerde ensina aos máis novos a valorar os ecosistemas da súa contorna.
O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O proxecto RedeVerde Pontevedra impulsa unha nova proposta educativa dirixida ao alumnado dos centros escolares da cidade: os “Pasiños Verdes RedeVerde”, un programa de rutas ambientais pensado para favorecer o coñecemento da natureza próxima e fomentar a sensibilización ecolóxica desde idades temperás. Participarán nestas saídas o alumnado do CEIP Álvarez Limeses, CEIP Parada Campañó, CEIP Froebel e CEIP Manuel Vidal Portela.

Cada xornada terá unha duración aproximada de 2 horas e media, incluíndo o tempo de organización e desprazamento desde o centro escolar ata o punto de inicio da ruta. A camiñada, duns 2 horas, está catalogada como de dificultade baixa.

Os Pasiños Verdes RedeVerde comezarán en cada centro educativo cunha breve presentación, para dar paso logo ao percorrido guiado que incluirá varias paradas interpretativas, nas que se poñerán en valor os ecosistemas, o patrimonio natural e a importancia da renaturalización.

Como parte da actividade, o alumnado realizará dous itinerarios deseñados para achegarse á riqueza ambiental de Pontevedra. O primeiro deles discorre polas Marismas da Xunqueira de Alba, nunha ruta circular duns 2,5 quilómetros na que os participantes coñecerán de primeira man que é unha marisma, como funciona este ecosistema e cales son as súas características específicas neste enclave. Ao longo do percorrido identificarán os elementos naturais que o conforman —a auga, a flora e a fauna—, analizarán a pegada das actividades humanas no seu equilibrio ecolóxico e observarán o proceso de renaturalización que se está a desenvolver neste espazo único a poucos minutos do centro da cidade.

O segundo itinerario céntrase na contorna do río Gafos, mediante unha ruta lineal de 3 quilómetros que percorre o tramo urbano ata chegar ao Espazo Natural de Interese Local. Nesta saída, o alumnado achegarase ao ecosistema do bosque de ribeira e ás especies que conforman a súa biodiversidade. Tamén descubrirán o papel esencial da auga como vertebradora do territorio, a influencia histórica das comunidades humanas na contorna fluvial e o valor do patrimonio etnográfico asociado, como os antigos muíños. Ademais, coñecerán os traballos de renaturalización que están a permitir recuperar a calidade ecolóxica do río e potenciar os seus servizos ambientais.

A través destas experiencias, os Pasiños Verdes RedeVerde queren construír cidadanía ambiental desde a escola, favorecendo que os máis novos conecten coa natureza que lles dá soporte, comprendan a importancia da conservación dos ecosistemas urbanos e desfruten do lecer ao aire libre de maneira consciente. A iniciativa pretende tamén estimular unha mirada máis curiosa, respectuosa e comprometida coa contorna. Con este programa educativo, RedeVerde Pontevedra reforza o seu labor na promoción dunha cidade máis verde, amable e resiliente.

O proxecto é promovido polo Concello de Pontevedra, apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU e coa colaboración da Universidade da Coruña como entidade agregada.

Publicacións Relacionadas