A fronte nacionalista estima que o Goberno municipal vai deixar arredor de 180 millóns de euros sen gastar este ano, superando á “inexecución récord” dos últimos exercicios
Xabier P. Igrexas: “Os orzamentos de Caballero son de cartón pedra; de que serve ter o maior presuposto da historia se son incapaces de xestionalo?”
¬ Sobre o debate da auga: reclama unha auditoría da rede ante a falla de informes sobre as fugas e advirte de que o PSOE insiste nun novo encoro e transvasamentos
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) alertou este luns no Pleno de Vigo que o Goberno de Abel Caballero só executou o 43% do orzamento do Concello até o terceiro trimestre do ano. O seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, estimou que, ao ritmo actual, van quedar arredor de 180 millóns de euros sen gastar ao peche de ano, superando a “inexecución récord” dos últimos exercicios.
“Dende o BNG levamos anos advertindo que Vigo padece un goberno que confunde a xestión pública coa produción de eventos”, valorou Igrexas na sesión plenaria, afirmando que Caballero “está máis preocupado polos titulares que polo benestar real e material da maioría social” da cidade. “Os seus orzamentos son de cartón pedra”, resumiu.
O voceiro nacionalista lembrou que o informe de execución orzamentaria reflicte unha “radiografía exacta” da xestión do Goberno local. “A súa política constrúese sobre o fume da propaganda, pero afunde cando a confrontamos coa frialdade implacábel dos datos”, asegurou en resposta á intervención do concelleiro de Facenda.
Igrexas afeou os recorrentes anuncios de Caballero sobre os elevados presupostos da cidade, lembrando que esta falla de execución se incrementa cada ano. “De que serve ter o maior orzamento da historia se son incapaces de xestionalo?, cuestionou, sinalando que máis da metade do orzamento municipal “segue nun caixón mentres as necesidades da veciñanza de Vigo seguen sen ser atendidas”.
O portavoz municipal do Bloque salientou o capítulo 6, relativo aos investimentos, como proba desta “parálise” do Goberno de Caballero. Apuntou que dos 70,5 millóns de euros proxectados nas contas, só foron executados 13,5 millóns até setembro. “Máis do 80% dos investimentos prometidos, deses que anuncian en roldas de prensa semanais con infografías a toda cor, son papel mollado”, valorou.
A metade dos recursos sociais sen executar
A ese respecto, criticou en especial a falla de execución das partidas sociais, cun 52%, malia o contexto de emerxencia habitacional e de desigualdade en Vigo. “Ter a metade dos recursos sociais sen executar a estas alturas do ano non é un erro contable; é unha decisión política que revela a absoluta falta de empatía e prioridade social do desgoberno de Abel Caballero”.
Advertiu do mesmo xeito que o gasto relativo a servizos públicos só chegou en setembro até o 43% mentres que o orzamento destinado para produción de bens públicos de carácter preferente, como cultura, deporte e educación, foi do 41%.
“Goberno non é colocar un decorado para que o alcalde se faga fotos, é transformar a vida da xente”, defendeu Igrexas, chamando a “mobilizar cada euro dispoñíbel” para fortalecer os servizos públicos, garantir o acceso á vivenda, dinamizar os barrios e parroquias de Vigo e protexer ás persoas máis vulnerábeis.
O portavoz municipal do BNG concluíu que o informe de execución representa un “suspenso clamoroso” da xestión económica de Caballero e tamén “unha proba do esgotamento dun modelo político baseado no escaparatismo”. Demandou en contraposición un goberno que traballe con “rigor” e que “exerza as súas competencias ao 100% e non ao 43%”.
¬Auditoría das perdas de auga
Durante a sesión plenaria, a fronte nacionalista rexeitou que o grupo municipal do PSOE insista na construción dun novo encoro e de transvasamentos fronte ao problema da seca, insistindo na necesidade de actuar primeiro sobre as perdas na rede de abastecemento. A través dunha emenda á moción socialista, o BNG volveu esixir unha auditoría para coñecer as perdas de auga e realizar actuacións de mellora. Cuestionou así os datos do Goberno local, que reducen estas fugas a un 6% sen aportar ningún informe. “Demóstreno con algún documento, non con declaracións enlatadas do seu voceiro”, retou Igrexas ao alcalde.
O portavoz municipal do Bloque afeou tamén que o PSOE tentase ocultar a demanda dun novo encoro e transvasamentos, que afectarían a outros concellos como Ponte Caldelas ou Fornelos de Montes, incluíndo un acordo onde fala da “alternativa seleccionada” nun estudo técnico elaborado polo Goberno español en lugar das actuacións concretas.
Na emenda nacionalista volveron esixir ademais que se reutilicen as augas residuais para usos urbanos, como rego de parques e baldeos, e industriais ou agrarios, así como aproveitar as augas pluviais e a súa separación das augas residuais na rede de saneamento, que nestes momentos se realiza só nunha parte mínima da rede.

