• O goberno local inicia o proceso de contratación desta reforma integral cun orzamento base de máis de 400.000 euros financiado con fondos municipais. As empresas interesadas teñen ata o 30 de novembro para presentar as súas ofertas.
• A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que o proxecto recuperará case 3.000 metros cadrados para a veciñanza e a infancia. “Entramos na recta final para transformar este espazo nunha contorna saudable, accesible e, sobre todo, segura para nenos e nenas”.
O Concello de Redondela avanza na transformación urbana e a mellora da seguridade viaria na parroquia de Cabeiro. Actualmente está aberto o proceso de licitación pública das obras da contorna do CEIP Porto Cabeiro. O proxecto sae a concurso cun orzamento base de 401.700 euros financiado integramente con fondos propios do Concello.
A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo inicio deste procedemento co que se cumpre o compromiso adquirido coa comunidade educativa e a veciñanza da parroquia. “Entramos na recta final para transformar un espazo actualmente dominado polos vehículos nunha contorna saudable, accesible e, sobre todo, segura para a infancia”, sinalou a rexedora. Rivas lembrou que o obxectivo prioritario é eliminar o risco diario do tráfico pesado e a escaseza de espazo peonil nos accesos ao colexio.
O proxecto,cunha superficie total de 2.835 metros cadrados, deseñouse baixo os criterios de mobilidade sostible que defende o Goberno local. A intervención contempla unha plataforma única na Estrada de Porto Cabeiro para xerar unha zona ampla de convivencia arredor do colexio, o parque infantil Luis Seoane e a parcela dotacional municipal, que contará con novo arborado e mobiliario urbano. Así mesmo, no Camiño do Campiño aplicarase unha solución de calmado do tráfico cunha plataforma elevada onde a velocidade se limitará a 10 km/h, garantindo unha senda peonil de 2,5 metros de ancho.
Con esta licitación, o Concello completa a estratexia de renovación integral deseñada para os barrios de Porto Cabeiro e A Millarada. A actuación executarase de maneira complementaria e coordinada cos traballos de humanización que xa se están a desenvolver no tramo da estrada que vai desde a N-555 ata o propio Camiño do Campiño. “Queremos que Porto Cabeiro e A Millarada teñan por fin un espazo de referencia, unha zona agradable onde a veciñanza poida pasear e os nenos e nenas conten cun espazo seguro no acceso ao CEIP”, concluíu Digna Rivas.
O prazo para a presentación de propostas por parte das empresas construtoras permanecerá aberto na Plataforma de Contratación Pública ata o 30 de novembro de 2026. Despois a mesa de contratación avaliará as ofertas para realizar a adxudicación definitiva da obra no menor tempo posible.

