O BNG celebrará os 25 anos do inicio da transformación de Pontevedra

adminON
Lectura mínima de 4

O mércores 12 ás 20 horas, o Pazo de Mugartegui acollerá a presentación  do libro “Unhas pinceladas sobre Lores” 

O sábado 22 de xuño ás 20 h. terá lugar no Teatro Principal un acto  público coa participación de Miguel Anxo Fernández Lores e a portavoz  nacional do BNG, Ana Pontón 

O responsábel local do Bloque Nacionalista Galego en  Pontevedra, Demetrio Gómez, compareceu este venres perante os medios de comunicación  para facer público o anuncio dunha serie de actividades de distinta índole co gallo da  celebración do 25 aniversario da chegada de Miguel Anxo Fernández Lores á alcaldía de  Pontevedra. 

Gómez rememorou a data do 13 de xuño de 1999, intre no que a veciñanza de Pontevedra  decidíu “mudar o rumbo desta cidade”. “Hai outra data, tamén, que é significativa e que está moi  próxima a esa, o 3 de xullo tamén do 99, Lores é investido alcalde”. 

Pasaron 25 anos deses intres e o BNG quere celebralo. “Foi naquel no que Pontevedra comeza a  pasar de ser unha cidade gris provinciana a ser este referente internacional que somos hoxe”. 

“Somos un referente en calidade de vida”, subliñou o responsábel local, sinalando fitos de  relevancia para a cidade, alén da transformación urbana, como a organización da Gran Final  das Series Mundiais ou a inminente chegada dos Premios Feroz o ano que vén, amais de sinalar  que Pontevedra cambiou mais nestes 25 anos que moitas outras cidades, ou que a inmensa  maioría das cidades, en 50, citando ao alcalde. 

Pinceladas sobre Lores no Pazo de Mugartegui 

Até tres propostas distintas conmemorarán ese cuarto de século de enorme relevancia para o  municipio do Lérez. Dunha banda, o vindeiro mércores 12 de xuño, ás 20 horas, no Pazo de  Mugartegui, será presentado o libro “Unhas pinceladas sobre Lores”. Trátase dunha obra en  papel que recolle diversos capítulos da vida do que Gómez cualificou como “o mellor alcalde que  tivo nunca este concello”, e que permite ollar esa mistura política e persoal que é o seu relato  vital. 

Páxina 1 

O libro, escrito por María Núñez e César Mosquera será presentado nesa data, a través dun acto  coa xornalista e escritora Ana Cabaleiro e os autores da obra, que manterán unha charla sobre a  súa creación e contido. 

Videos nas redes sociais 

Uns días despois, o 17 de xuño, iniciarase a publicación de tres vídeos nas redes sociais do BNG  de Pontevedra que inclúen distintas reflexións de persoas mozas que este 2024 cumpren os  seus 25 anos sobre como ven a cidade e como esperan vela no futuro. 

Acto público no Teatro Principal 

Por último, o sábado 22 de xuño, ás 20 horas, no Teatro Principal, realizarase un acto público  aberto, que contará coas intervencións do alcalde e da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Comparte este artigo