A concentración terá lugar o sábado 11 de xullo, ás 11.00 horas, na Praza de Galiza de Vilagarcía de Arousa
O BNG fai un chamamento á veciñanza da comarca do Salnés a participar na concentración convocada para este sábado 11 de xullo, ás 11.00 horas, na Praza de Galiza de Vilagarcía de Arousa, para esixir que a ambulancia medicalizada regrese ao Hospital do Salnés e que os concellos de Sanxenxo e O Grove conten cunha segunda ambulancia medicalizada durante os meses de verán.
A formación nacionalista denuncia que o traslado da ambulancia medicalizada a Sanxenxo está a poñer en risco a atención ás urxencias na comarca. Segundo sinala, ao longo desta semana producíronse situacións nas que a ambulancia non chegou a tempo para atender varios servizos de urxencia en concellos como Vilagarcía de Arousa ou Vilanova de Arousa, evidenciando as consecuencias dunha decisión que deixa desprotexida boa parte da poboación do Salnés.
O BNG insiste en que reforzar a asistencia sanitaria durante o verán non pode facerse a costa de desmantelar un servizo esencial noutra parte da comarca. Por iso, reclama o regreso inmediato da ambulancia medicalizada ao Hospital do Salnés e a dotación dunha nova ambulancia para atender o incremento da poboación en Sanxenxo e Ogrobe.
Baixo o lema “Coa nosa saúde non se xoga”, o BNG anima a toda a veciñanza a participar nesta mobilización para defender unha atención sanitaria de urxencia digna e segura para toda a comarca do Salnés.

