O BNG critica que o Concello de Poio non informe sobre a non recomendación de bañarse na praia de Lourido por unha bacteria na auga. O BNG solicitará explicacións ao Goberno Local sobre estes feitos.

adminON
Lectura mínima de 2

A veciñanza de Poio descoñecía as restricións sobre a recomendación de non bañarse na praia de Lourido, un  dos areeiros máis concorridos de Poio. Un cartel (tamaño A4) apenas visíbel no taboleiro de acceso a unha das  praias de Lourido indicaba a “non recomendación”, feito que pasou totalmente desapercibido para os bañistas.  

A sorpresa foi que, durante esta fin de semana, os socorristas non advertiron sobre esta circunstancia. Como  resultado, pasou desapercibida a pesares da recomendación relacionada a altos niveis da bacteria E. coli (que  vive nos intestinos e que pode provocar infeccións gastrointestinais nalgúns casos). O Goberno Local non actuou con transparencia e dilixencia ante estas circunstancias. Non existe información nos medios oficiais do  Concello e o responsábel de medio ambiente non dou as explicacións oportunas. “O goberno local parece usar  os medios institucionais para o auto-bombo e o anuncio desmedido de festas.”, apuntan os nacionalistas. 

O BNG explica que non se sinalizou correctamente a praia, como se realizaba en anteriores anos cando se daban  estas recomendacións por parte de Sanidade. Neses casos, o goberno municipal liderado polo Bloque  Nacionalista Galego valaba ou precintaba a praia afectada para que os veciños, veciñas ou visitantes fosen  conscientes da problemática na auga. 

“A falta de información do Goberno Local, non sabemos cales son os protocolos que teñen que seguir, nin o  tempo que leva esta recomendación na praia.” Sinalan desde o BNG. Para a formación nacionalista, estes avisos  deben facerse con total transparencia á veciñanza, sendo feitos puntuais que se repiten cada ano. O que non é  de recibo é a falta de actuación, protocolo e información dende que o PP goberna este Concello. O BNG pedirá explicacións sobre estes feitos ao Concelleiro de Medio Ambiente, asemade solicitará copia da  notificación remitida por Sanidade así como da actuación e protocolo que seguiu o goberno local.

Comparte este artigo