O BNG de Poio denuncia o abandono da Rúa Valiña e reclama ao goberno de Moldes unha actuación urxente

Redacción

Marga Caldas critica a falta de mantemento e limpeza nunha das principais vías de San Salvador e advirte de que as queixas veciñais polo estado dos espazos públicos son constantes en todo o municipio

O BNG de Poio vén de denunciar na Comisión de Urbanismo do Concello o estado de abandono que presenta a Rúa Valiña, na parroquia de San Salvador, e reclama ao goberno de Moldes unha actuación inmediata para mellorar o seu mantemento e limpeza. A portavoz nacionalista, Marga Caldas, lamenta a imaxe de deixamento que ofrece actualmente esta vía, cunha acumulación de suciedade e maleza en diferentes puntos e cunhas beirarrúas deterioradas e rotas que dificultan o tránsito peonil e transmiten unha sensación de abandono “impropia dunha das zonas máis poboadas e transitadas do municipio”.

“O problema non é unicamente a falta de limpeza puntual. Estamos a falar dunha ausencia total de mantemento continuado que fai que os espazos públicos se vaian deteriorando día tras día sen que o goberno local actúe”, denuncia Caldas. A nacionalista destaca que as queixas veciñais polo estado dos espazos públicos son xa unha constante en Poio e lembra que o BNG leva todo o mandato trasladando críticas polo abandono doutras zonas do municipio como Lourido, Costa Xiráldez, Samieira, así como de numerosos espazos noutras parroquias.

Caldas subliña que a situación da Rúa da Valiña non é un feito illado, senón un exemplo máis dunha problemática xeral que se estende por todo o concello. “Cada vez son máis as zonas nas que se acumula a maleza, nas que faltan labores básicos de limpeza ou nas que se deixan deteriorar infraestruturas e elementos urbanos sen realizar os arranxos necesarios”, advirte.

Caldas insiste en que un dos sinais de identidade do goberno liderados polo BNG durante os anteriores mandatos foi precisamente o coidado permanente dos espazos públicos, cun seguimento constante das necesidades de mantemento tanto nos núcleos máis urbanos como nas parroquias. “A imaxe que está a dar Poio nestes momentos é negativa e non se corresponde co municipio que queremos. Durante anos apostouse por crear espazos públicos de calidade para a convivencia, pero agora vemos como moitos deles estanse a deteriorar por falta de atención e de recursos”, sinala.

Para a portavoz nacionalista, detrás desta situación están os continuos recortes orzamentarios impulsados polo alcalde Ángel Moldes nas partidas destinadas ao mantemento e conservación. “Lamentablemente todo neste goberno é fume e propaganda. O PP deixa de lado os problemas reais de Poio, e a falta de limpeza e mantemento é unha das cuestións nas que este goberno ten unha nota moi clara e na que coincide toda a veciñanza. Non sei de que presumen, porque a avaliación destes tres anos de mandato no mantemento e no coidado da imaxe do concello é  ‘moi deficiente’”, finaliza Caldas.

Comparte este artigo